Visual Thinking 3D MEDIOAMBIENTAL

Na Revista, propuxémonos reflectir os cambios que está a sufrir a Terra nun esquema moi diferente ao usual. Un auténtico reto!

Na Revista tentamos facer sempre propostas innovadoras e diferentes que moitas veces tratan aquelo interesante que nos rodea ou que, neste caso, temos que cambiar.

Este proxecto do que estou a falar xurdiu grazas á proposta do Portal das Palabras: Olla a Palabra do Día! Nela, deciden pór cada día unha palabra, segundo o tema que se escolla para cada semana. Así, a xente que queira pode participar neste concurso, plasmando o tema e as palabras dadas de forma artística. Aquí tedes a ligazón á páxina web, por se queredes participar nesta proposta: https://portaldaspalabras.gal/concurso-olla-a-palabra-do-dia/

Había unha semana que trataba sobre o medio ambiente, polo que decidimos participar no concurso. Pero entre que nos levou moito tempo e que usamos moitas máis palabras das propostas para que non se nos deixase nada atrás, decidimos non enviar o traballo. Desta forma, a árbore quedaría para que o profesorado de ciencias tivese unha axuda para explicar este temario nas aulas.

Pero vos preguntaredes: que é un Visual Tinking? Trátase dunha especie de esquema mental. É de pouca letra e imaxes rechamantes, moitas veces usado para poder entender un tema complexo que ten moitas ramas a tratar. Nós tomámonos o das ramas moi en serio e decidimos visualizar este esquema nunha árbore. Pero non é unha árbore debuxada nun papel, senón que é unha figura en 3d que conta con varias caras. Cada cara trata unha parte do noso planeta que está sendo afectada pola acción humana. Explícanse os factores que están a perxudicar, as consecuencias…

Cando comezamos a facer este Visual Tinking, tiñamos como obxectivo explicar de forma clara e artística os problemas ambientais do planeta. Os cales, aínda que ás veces nos esquezamos, rematarán por afectarnos a nós tamén. Se é que non o están facendo xa. Polo tanto, antes de plasmar tivemos que pensar. Repartímonos o traballo en parellas, segundo as partes que compoñen a Terra: biosfera, xeosfera, hidrosfera e atmosfera. Entón, comezamos a realizar bosquexos coas ideas iniciais que decidimos tratar e coa súa situación na árbore. Costounos, pero conseguímolo!

Despois veu a hora da creación gráfica: primeiro forramos de diferentes cores as distintas caras do tronco da árbore, segundo a parte da Terra que representaban. Por exemplo, o tronco que derivaba nas ramas que falaban sobre a hidrosfera é de cor azul. Despois pasamos a forrar as ramas segundo que ámbito trataban (como por exemplo as verteduras na hidrosfera). Finalmente traspasamos a información do bosquexo inicial, e acompañamos cada tema con debuxos chamativos e representativos.

Pero hai unha parte da árbore que non trata dos problemas no noso planeta. Que non nos proporciona ese halo de pesimismo ou desesperanza. Aló arriba, nas ramas que tentan tocar o ceo, decidimos representar a solución que nos pode levar por un mellor camiño, como as enerxías renovables. En cada cara da árbore decidimos plasmar a solución que pode salvar a parte do planeta que representa. Estas pólas decidímolas forrar de cor verde, a cor da natureza e da esperanza.

Así que xa sabedes, se queredes comprender mellor os cambios que estamos a provocar na Terra, tedes a nosa árbore disposta a explicarvos todo. E neste vídeo facemos un pequeno resumo dos aspectos máis importantes de cada parte.

Todo sobre un asunto moi importante nos nosos días, a emerxencia climática!

Irene Jardón