Educámonos en saúde

No Carlos Casares danlle moita importancia á saúde, así que traballamos nela desde diferentes materias e puntos de vista .

Este ano estamos a participar no programa do Plan Proxecta “Apuntámonos a non beber”. A Consellería de Sanidade, de quen depende o programa, impartiunos dúas charlas, unha virtual de aproximación ao tema do alcol e outra presencial, amosando nesta última o porqué da importancia de non beber, sobre todo ata a idade legal, e as consecuencias que ten facelo. Ademais ensináronnos os efectos enganosos da publicidade, sobre todo na rapazada menor de idade.

Para motivarnos a traballar sobre isto, convocaron un concurso para facer unha contrapublicidade de bebidas alcohólicas no que premian os dous mellores traballos dos centros galegos participantes con una visita para toda a clase ao Aquapark de Cerceda, na Coruña.

Po outra banda, en plástica para traballar o collage, fixemos carteis para animar á xente nova cara a doazón e transplantes de órganos e tecidos a través do concurso de carteis con lema A vida, o mellor agasallo. Todos os anos, no noso centro, veñen tres persoas a darnos unha charla sobre a doazón: un sanitario, un familiar dun doador de órganos falecido e unha persoa á que lle transplantaron un órgano. Este ano, pola Covid, non veu ninguén. Pero ainda así, aportamos o noso graniño de area á doazón. Durante algunhas sesións de plástica, Almudena explicounos datos de importancia sobre a doazón, como que para doar órganos debemos ter unha morte cerebral, ou que os órganos deben estar completamente sans. Nestas sesións, tamén aprendimos que coa doazón, podemos salvar moitas vidas, xa que podemos doar 7 órganos, pel, sangue, ósos, córneas e válvulas cardiacas.

María, Carla, Carme e Alba. (1º ESO )