Diarios dun club científico

No club científico realizaremos diversas actividades, este curso relacionadas coa nutrición

O club científico é unha actividade engadida este ano no instituto, dispoñible para todos os amantes da ciencia, ou para calquera que queira probar algo diferente. De feito, aínda que teña este nome, o seu obxectivo é tratar tocar todas as ramas do coñecemento; dende as ciencias ata as humanidades.

Semella que a idea de crear un club científico tivo moitísimo éxito, posto que aínda que sexa unha actividade recén creada, unha gran cantidade de alumnado decidiu adentrarse nesta nova experiencia.

Para poder realizar a actividade, formáronse dous grupos: un para o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO, e outro para o de 4º e 1º e 2º de bacharelato. Cada un traballa dous luns por mes.

Día un: cámara de néboa!

Pegadas deixadas por partículas subatómicas.

No primeiro día, Cristina e Mari propuxeron unha presentación individual: nun papel tiñamos que escribir o noso nome, algunha calidade que quixésemos destacar de nós mesmos e o por que nos decidimos apuntar ao club. Grazas a isto, agora todos nos coñecemos un pouco mellor!

Despois destas breves presentacións, ensináronnos unha máquina grande chamada cámara de néboa. Resulta que grazas a esta se poden ver unhas partículas subatómicas, moi pequenas; as partículas de radiación ionizante, como por exemplo os electróns ou os muóns. Nesta máquina, creada por Charles Wilson e pola que recibiría o premio Nobel en 1927, fórmase unha capa de vapores. Entón, pódense ver as trazas que deixan as partículas emitidas polos átomos ao desprazarse. Con isto puidéronse identificar un grande número de partículas subatómicas. Hoxe en día as cámaras de néboa son moi valiosas á hora de poder comprender os principios básicos da física e química. E como non! Grazas a ela, ao achegarnos por parellas á cámara de néboa, puidemos ver a pegada branca que deixa unha partícula cargada eléctricamente ao atravesar esta especie de néboa. Esta pegada ten un diferente patrón dependendo da partícula que se trate.

Trazas dun emisor radioactivo

Aínda que tivésemos que esperar bastante para poder darnos conta dalgunhas das pegadas brancas, resultou moi interesante.

Gustounos moito este día e temos boas expectativas para esta nova actividade, todos e todas estamos preparados para aprender!

Irene Jardón Castro, 1º C bach.