Dende agora somos un máis

Non hai moito, un compañeiro noso de 1º de ESO chamado André deixounos e marchou desta vida que foi tan inxusta con el. Nos nosos corazóns sempre haberá un oco para o noso amigo, para André. Por moito que loitou, non logrou vencer o seu inimigo, unha grave enfermidade. Por iso varios dos seus compañeiros quixémoslle facer unha homenaxe escribindo estas cartas para lembralo.

 

EN LEMBRANZA DE ANDRÉ

André, fuches un bo compañeiro, unha persoa intelixente e espero que apreciaras e aproveitaras os doce anos de vida que tiveches. Todos sabemos que eras un rapaz estudoso e responsable, e seguro que a túa familia está orgullosa de ti. O pouco tempo que estivemos contigo, puidemos comprobar que eras un bo rapaz. Ti ensináchesnos o dura que é a vida, e a necesidade de seguir estudando e de seguir facendo amigos. De ti aprendín moitas cousas e entre elas a máis importante: nunca debemos desistir diante de ningunha circunstancia. SEMPRE TE LEVAREI NO MEU CORAZÓN. (Matías)

Estimado André, no pouco tempo que pasei contigo, aprendín moitas cousas e déchesnos  unha lección. Loitaches  moito.  Sei que che  gustaba ir a clase, cando podías; comportábaste moi ben con todos nós. A vida, ás veces, é inxusta e lamentablemente estas cousas non sempre se poden evitar. Toda a clase che envía un bico. (Fabiola)

A pesar  do pouco que nos coñecemos, sempre quixen terte como amigo, sempre me pareciches  un bo rapaz e nunca esquecerei iso. E creo que non só a min,  senón tamén a toda a clase. Déchesnos  unha lección sobre o importante que é a vida e a necesidade de loitar para conseguir os obxectivos que nos propoñamos. Desexamos que alá onde esteas, sexas feliz. (Hugo e Anxo)

 

Por último, para rematar este artigo, queremos deixarvos un texto que André escribiu os primeiros días de clase no instituto para contar que sentiu ao chegar ao centro. El estaba moi emocionado por comezar esta nova etapa.

 

QUE SENTÍN AO CHEGAR AO IES CARLOS CASARES?

Eu estaba moi nervioso antes de vir ao instituto, porque pensei que ía ser moito máis difícil que o colexio. Despois, nada máis chegar, deime conta de que non era tan difícil; esixían máis cousas, pero podían facerse cun pouco de esforzo. O primeiro día que cheguei á aula, estaba nervioso. Ao entrar nela, decateime de que era moita máis xente ca na aula á que eu estaba acostumado. A primeira clase do día foi moi ben: coñecín os compañeiros e o meu titor, que me caeu ben. Cheguei ás aulas da tarde moi canso e coa noción do tempo perdida. A primeira clase da tarde pasou, pero na segunda hora estiven aburridísimo: o meu corpo non podía máis e desexaba saír de alí. Pasaron minutos e minutos e, de súpeto… soou o timbre. Nese intre botei un suspiro e saín da aula. Ese día rematei canso e con ganas de ir durmir. (André Olmo Oterino)

 pp

ANDRÉ, GRAZAS POR SER COMO ERAS. SEMPRE ESTARÁS CON NÓS.

André (2)

Irene Jardón e Sofía Molares

Artigos recomendados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará