Colaboración literaria, “É ela” (fóra do concurso)

Fálame. Proponme que deixemos todo atrás. Lémbramo. Con “todo” quero dicir un catre, unha pequena mesa de estudo, unha vella cadeira de madeira semiquebrada e unha lámpada pendurada no teito descascado. E ela insísteme. Quizais a culpa sexa miña, non saio moito; mais non podo evitar cruzarme con ela neste apartamento dun só cuarto, pequeno. Asobállame. Precisamente o que desexa é viaxar, ver gamas doutras cores, luz natural, solo de herba e terra, vento azoutando. Abáfame. “Percorrer o mundo alimentándote do aire e bebendo do vento”, dime sen atender a razóns. Importúname. É coma se me rexistrase, profundando ata lindes descoñecidos para esta parte racional coa que me autogoberno, hipnotizándome mirando para ela borrosamente. Fustrígame. A tortura con maior efectividade non é aquela que inflixe máis dano, senón a que  persevera constantemente o teu maxín ate que xa non é quen de aguantar tal e sen te decatar claudica. Abóuxame. Estou caendo na súa máquina de falcatruadas, de maleficios, de diverxencia e… Asédiame. Non podo, debo seguir traballando, non me debo arriscar, non sei que riscos me agardan fóra e non teño ningún futuro asegurado. Acósame.

-Miña ruliña, repítoche que logo falamos, agora preciso concentrarme –dígolle mentres reitero no mesmo pensamento “téñome que desfacer desta maleta…”.

 

Xian Faro. 3º de ESO A.

Artigos recomendados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará