Xeometría creativa polo Nadal

O alumnado de primeiro de ESO,  nas horas de Atención Educativa, Relixión e Educación plástica e visual, realiza a decoración matemática do Nadal no noso centro. Nesta actividade tamén colaborou a Biblioteca do IES Carlos Casares.

1º da ESO realiza mandalas intuitivos e dirixidos segundo os tratados de psicoloxía da cor, e vidrierías con rosetóns multisimbólicos galegos.

2º da ESO realiza os almanaques do vindeiro ano inspirándose na obra de Maurits Cornelis Escher con tres metamorfoses de transición e coa inclusión dun “ mundo imposible” nunha delas. E o triángulo  de Sierpinski de catro iteracións en 3D (tetraedro)  que fará de árbore de Nadal.

Almanaque mundo imposible

Almanaque cara metamorfose

Almanaque cara transformación

 

A xeometría é a manifestación estrutural das leis matemáticas, está presente en todo o existente e podemos utilizala para o noso desenvolvemento e benestar físico e psicolóxico.

Durante o Gótico, aparece unha nova visión da relixión fundamentada en valores como a pobreza, a humildade e a compaixón. 
A mentalidade formada nestes factores facía coincidir racionalismo e realidade. O racionalismo gótico maniféstase no xeometrismo lineal. A hexemonía do pensamento escolástico e a nova “mentalidade racionalista” quería racionalizar totalmente a visión do Universo e fusionar o mundo material e o espiritual nun mesmo esquema mental xeométrico e rigoroso. O edificio gótico, concibido xeometricamente, deixando interpenetrar o espazo exterior co interior a través das vidreiras e os rosetóns, participa neste conflito entre a fe e a razón, coa pedra e a luz, colabora na tarefa de demostrar a fe con argumentos racionais.

A forma do rosetón gótico lembra ao mandala do budismo e o hinduísmo.

Rosetóns xeométricos de función decorativa e significado simbólico que pola súa semellanza á rosa se lle atribuíu un simbolismo que tamén pode remitir a Cristo como asociación aos raios do sol.

A rosa, na India, representa a alma, a perfección, o amor e o corazón,  e é contemplada como un mandala e centro místico.

A palabra mandala ou mándala significa círculo sagrado. É un círculo que representa o cosmos xa que todo na nosa vida posúe a forma do círculo.

Case todos os rosetóns desenvolven os seus elementos a partir do número oito, símbolo do infinito. Cando o rosetón é bastante grande, o número de elementos do cubo será oito e o dos círculos externos,  o seu dobre, dezaseis.

Rosetón creativo de Lara de 1ºA inspirado na espiral logarítmica.

Waclaw Sierpinski foi un importante matemático polaco que dedicou unha parte das súas investigacións ao estudo das distintas formas de fractais.

Este triángulo constrúese partindo dun triángulo simple. Despois únense os puntos centrais de cada arista de modo que quede dividido en catro triángulos iguais. Con isto, a cada un dos tres triángulos que quedan na posición dos vértices do triángulo orixinal aplícaselles, sucesivamente, esta mesma transformación.

 

Texto: Jorge.

Fotos: Almudena Lacomba.