O Xapón en Galicia

O pasado venres 4 de maio os membros do club de lectura de manga do noso centro mergulláronse na cultura do Xapón sen necesidade de viaxar ó Extremo Oriente. O certo é que foron a un lugar máis próximo, Moaña, onde durante os días 4 e 5 de maio se estivo a celebrar a segunda edición da Cómic-Con desta vila. Trátase dunha convención sobre o manga e o anime organizada polo IES A Paralaia coa colaboración do Concello de Moaña. O encontro, que tivo lugar principalmente no andar alto da praza de abastos e na zona do palco de música, contou coa participación de catorce institutos, entre os cales estivo o Casares. Pero non estaba dirixida só a estudantes, senón a todas as persoas interesadas.

O evento tivo unha intensa programación de actividades, como a actuación dun grupo de percusión, unha xuntanza dos clubs de lectura de manga dos IES, charlas con autores de cómics profesionais, diferentes obradoiros, exhibicións de xogos de mesa, proxeccións de películas de anime, un espazo para pistolas Nerf, un concurso de cosplay, torneos de videoxogos, espadas e mazas de escuma, e ata un partido de quidditch.

Na súa visita á Cómic-Con os nosos otakus, como bos fans galegos desta arte nipona, pasaron toda a mañá gozando desta fantástica convención e participando nela. Así, puideron ver a apertura con percusión, entreterse con varios xogos que había por alí, asistir a un obradoiro de origami e a un Pictionary de anime… Ademais, Alba da Pena, unha das integrantes do noso club, participou no concurso de cosplay e conseguiu un ben merecido terceiro posto coa súa versión de Jack Skeleton! Tamén tivemos representación no concurso de Nerfs: Nicolás Rodríguez acabou finalista co seu equipo no torneo.

Sen dúbida os nosos compañeiros pasaron unha mañá digna de recordar neste encontro e todos eles están desexando xa que chegue a edición do próximo ano. Aquí vos deixamos unhas imaxes deles.

Pablo Fernández e Kevin Pérez (3º C)