Xantar de lembranzas dos históricos da revista

XANTAR HCOS. MC 21-06-15

“Vale, pois creamos un grupo”, dixeron Alba (a de azul na foto, a xogo cos seus ollos) e mais Esther (a de vermello). Dito e feito! E tes o móbil de tal? Eu podo conseguir o de cal… E foron entrando no grupo de WhatsApp Dani  (primeiro da dereita), Cayetano (o barbado), Paula (entre Cayetano e mais Alba) e Iria (con lentes, entre Esther e Leandro).

Non vos foi doado concertar o día do xantar, xa todos son persoas ocupadas, moitos deles traballando, con fillos… pero, finalmente, quedou marcado o pasado domingo 21 de xuño.

E quen son esta cuadrilla de xente nova con tanta ledicia nas súas caras? Pois nin máis nin menos que  OS HISTÓRICOS DA REVISTA, é dicir, os membros dos Consellos de Redacción da nosa revista que máis tempo se mantiveron nos distintos consellos (desde o nº 5, 1995, ata o nº 13, 2003). Aquela xeración de consellos de redacción que rematabamos o curso con ceas da revista, onde o pasabamos tan ben. Algúns deles comezaron na revista con doce aniños… viñan os seus pais buscalos despois da cea, a iso das doce da noite. E logo, unha vez remataron os estudos no noso instituto, seguiamos facendo (encargábanse Alba, Esther e mais Paula) case todos os anos as ceas da revista… Pero había ben tempo que isto non sucedía.

Nin me lembro do que xantamos, a verdade, porque o interesante estaba nas conversas cruzadas… e lembras cando… pois mira que aquela vez que… e que é do profe tal…?

Ao fío da comida, ou mesmo antes nos vermús, cada quen foi debullando retallos da súa vida: os problemas acuciantes, as alegrías, os fillos, os plans de futuro, as esperanzas… todo entremesturado, o pasado da revista e do instituto, o presente das nosas vidas e o futuro, coas arelas da súa pronta chegada. Dez horiñas xuntos dan para moito…

E todos seguían a revista desde a páxina web do instituto e todos lle deron a benvida a esta tamén laboriosa continuación en formato online

E faltaban o Javi, a Seila e mais o Josiño, entre outros… por responsabilidades persoais que imposibilitaron a súa presenza. Pero seica “logo do verán” hai quedada de novo (a ver se se achegan os que faltaban!) para unhas cañas…

Que sexades felices nas vosas vidas e que nunca esquezades aqueles marabillosos anos da revista! Eu nunca os esquecerei!

VIVA A REVISTA! LONGA VIDA Á REVISTA!