Visita ao complexo medioambiental de Cerceda

 

O luns 20 de abril visitamos Sogama (Sociedade Galega de Medio Ambiente) en Cerceda. Vimos o complexo no que se xestionaban os residuos urbanos. Comezamos a nosa visita polo edificio principal,  alí recibimos indicacións e información das naves que iamos ver e tamén as máquinas que utilizaban. Despois  entregáronnos as proteccións que iamos necesitar para realizar a visita: un casco, unha malla para o pelo, unha máscara e un chaleco fluorescente.

Cando todos tiñamos as medidas de seguridade postas, fomos en autobús até a primeira nave:  a planta de reciclaxe. Alí vimos as máquinas e os distintos sectores nos que había distintos residuos de envases. Logo entramos nun espazo onde puidemos ver como os empregados separaban os distintos tipos de envases que chegaban en camións,  despois de telos recollido dos colectores amarelos. Eran envases de plásticos brandos,  plásticos duros  e  envases-lata.

Máis tarde leváronnos a outra nave na que se recollían os residuos que chegaban, tamén en  camións despois de telos recollido coas bolsas negras. Estes residuos collíanos con ganchos para levalos a unha planta de incineración onde os  puñan a secar e os queimaban para poder producir electricidade. Finalmente, e xa en autobús,  leváronnos dar unha volta ao redor doutra nave na que usaban vapor  para mover unhas turbinas e producir electricidade.

Rematada a visita, fomos visitar a cidade de Santiago: realizamos un percorrido pola zona monumental, achegámonos ata a Praza do Obradoiro e despois fomos comer e descansar ao Parque da Alameda. Cansos e coa lección sobre a reciclaxe ben aprendida volvemos ao autobús rumbo a Vigo.

 

Texto: Adrián Sánchez Puerta. 4º D. Foto: Miguel Valiño.