Unha xornada de teatro clásico

Os alumnos de Cultura Clásica (3º A, C e PMAR), e Latín e Grego (4º A de ESO, e 1º D e 2º D de Bacharelato) asistiron a un festival de teatro clásico. O festival foi organizado pola delegación galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC) e a el asistiron alumnos de institutos de toda Galicia. A SEEC é unha entidade sen ánimo de lucro que reúne persoas interesadas no noso pasado grecorromano e ten como un dos seus obxectivos principais o de fomentar o coñecemento dese pasado. Con tal motivo organiza todos os anos un festival de teatro clásico, no marco do cal na Coruña, Lugo e Ourense durante un ou dous días se representan  traxedias e comedias gregas e romanas. En concreto, os alumnos do noso centro foron ver as funcións que tiveron lugar o pasado martes 10 de abril no auditorio municipal de Ourense.

Pola mañá comezaron vendo unha obra de Eurípides titulada Electra. Esta é unha das tres traxedias gregas que se centran na vida de Electra. O seu argumento é o seguinte: o pai de Electra, o nobre Agamenón, é asasinado pola súa esposa, Clitemnestra, e o amante desta. A parella ten dous fillos, Orestes e Electra. Tralo crime Orestes é salvado por un criado e levado a vivir a outra terra, pois queren acabar coa súa vida para que non poida vingar a morte do seu pai. Electra é entregada a un campesiño pobre, para que non teña fillos nobres que reclamen a coroa de Agamenón. Un día, tras varios anos, Orestes chega xunto á súa irmá. Despois de recoñecerse, os dous irmáns planean vingar a morte de Agamenón e matan a súa proxenitora e o amante desta.

Despois de xantar, á tarde, os alumnos asistiron á representación da comedia Xemelgos de Plauto. Esta obra conta a historia de Menechmo e Sosicles, dous xemelgos que se separaron ao nacer. Menechmo fora co seu pai a un mercado e no medio de tanta xente como alí había perdérase; un mercader atopárao e levárao con el a outra cidade, Epidamno. O pai morreu de pena ao pouco tempo e Sosicles criouse co seu avó, que lle puxo o nome de Menechmo para lembrar sempre o irmán desaparecido. Sosicles comezou a buscar o seu irmán por moitos lugares, ata que chegou a Epidamno. Estando os dous irmáns na mesma cidade, ó ter o mesmo nome e ser fisicamente iguais, vanse producir un montón de situacións cómicas, xa que a xente confunde o un co outro. Finalmente os xemelgos acabarán encontrándose e recoñecéndose.

IMG_20180410_170001

 

Feito por Pablo Fernández e Kevin Pérez