Unha traxectoria brillante

O pasado martes 15 de maio fixémoslle unha entrevista a Claudia Álvarez, unha alumna do noso insituto que vén de obter o premio ao rendemento académico na ESO convocado pola Consellería de Educación. Compartimos con todos vós as súas impresións sobre este premio, os seus estudos e o seu futuro.

P: Bos días, Claudia. Antes de nada queremos darche os parabéns polo premio que acabas de gañar. Sabemos que presentarse a estas probas é optativo, pero ti por que decidiches facelo?

R: Eu cumpría todos os requisitos e ademais o premio eran 750 euros, así que presenteime e dixen: “se me sae ben, ben, e, se non, pois non pasa nada”.

P: Hai algunha asignatura que che guste mais que o resto ou gústanche todas por igual?

R: Matemáticas, porque non é de chapar, senón máis ben de aplicar os coñecementos. Tamén Física e química. Curiosamente no premio non me presentei ao exame de Física e química; escollín Bioloxía porque así non tiña que estudar formulación.

P: Como consegues ter tan boas notas en todas as materias?

R: Eu dedícolle máis tempo ás materias de letras que ás outras: para Lingua castelá con Mariló necesito máis semanas de estudo, pero eu sempre fago resumos e despois memorizo, ou sexa chapo.

P: Canto tempo lle dedicas a estudar?

R: Eu para estudar, sobre todo, o día anterior, porque así quédame mellor, pero uns días antes vou facendo exercicios para ir repasando.

P: Fas algunha actividade extraescolar?

R: Non, non fago ningunha actividade, pero gústame moito debuxar, pintar, quedar cos meus amigos… Necesito ter tempo para estudar, non podo ter estrés; se non sinto estrés, todo vai moito mellor.

P: Qué che gusta facer no teu tempo libre?

R: Debuxar, pintar, escoitar música, ver series, quedar cos meus amigos… Depende do día.

P: Que che gustaría ser de maior?

R: Gustaríame estudar unha enxeñería, aínda que non descarto Arquitectura.

P: Gustache estudar ou estudas por obriga?

R: Non é que me guste, pero, se non o fago, as consecuencias son negativas para min. Gustaríame facer outras cousas, pero teño que estudar.

P: E para presentarte ao premio da ESO, ademais de que cumprías todos os requisitos, houbo algo que che dixo “teño que presentarme”?

R: Os cartos, hai que ser realistas.

P: Hai algunha materia que che guste, pero que non sexa a que mellor se che dea?

R: Quizais Francés. Eu vou a Francés, pero os meus coñecementos non son moi bos. Empezamos a dar Francés en 1º da ESO, pero nunca chegas a falar perfectamente francés, e iso a min dóeme. En inglés estamos sempre que se vídeos e outras cosas.

P: E tes algún truco para obter tan bos resultados?

R: En clase hai que estar atento e coller apuntamentos; se o profe está a dicir o mesmo varias veces, ti apúntao, porque vai entrar. Trátase de practicar.

P: Sabemos que formaste parte desta revista ao longo de tres cursos. Como foi a túa experiencia en Manda Carallo?

R: O primeiros ano foron moi bos, pero o curso pasado foi máis duro, porque, como o Día das Letras Galegas estaba dedicado a Carlos Casares, tivemos moito traballo.

Moi ben, pois ata aquí a nosa entrevista. Moitas grazas por atendernos, Claudia, e parabéns de novo polo teu premio.

Fabiola Viñas e Area García (1º C de ESO)