Charla cun dos da “casa”

O día 10 de abril o alumnado de Cultura científica de 1º e 2º de Bacharelato tivo a sorte de asistir no instituto ó relatorio “Cancro, xenómica e evolución: tres caras da mesma moeda”. A conferencia foi impartida por David Posada González, un antigo alumno do centro, que hoxe en día é catedrático de Xenética da Universidade de Vigo (Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da facultade de Bioloxía). Posada é tamén unha das grandes referencias da ciencia galega. No 2008 converteuse no primero científico de Galicia en obter unha Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (CEI) e hai cinco anos obtivo unha renovación desta a través dunha Consolidator Grant, feito que, ata o momento, non conseguiu ninguén na nosa comunidade.

O noso invitado comezou a súa intervención falando sobre a evolución humana e os xenes relacionados con ela, para a continuación informar sobre a causa do cancro e as mutacións que padece unha célula ata chegar a ser canceríxena, explicando en que consisten esas transformacións. Trátase dunha enfermidade xenética causada por cambios nas características das células que as fan desenvolverse de xeito moi rápido e incontrolado. David comparou a evolución dos tumores coa das poboacións de seres vivos: nos dous casos a competencia polos recursos é forte e a capacidade de adaptación ó medio, grande. O estudo evolutivo do cancro pode axudar a comprender e tratar mellor esta grave enfermidade. Actualmente a liña de investigación do relator está orientada á detección da enfermidade antes de que se desenvolva, para o cal traballa con diferentes analíticas.

Por último, David tamén deu algunhas indicacións sobre como traballar no mundo das ciencias e algunhas orientacións sobre esta rama dos estudos.

A conferencia resultou moi interesante e todos os alumnos puideron coñecer algo máis da terrible enfermidade que é o cancro. Moitas grazas a David Posada por achegarse ata o noso instituto, que algún momento tamén foi o del, e por ensinarnos e hacernos comprender mellor esta grave enfermidade!

David posada gonzalezFonte da imaxe: https://twitter.com/dposada_

Manuel Trincado (3º C) e Daniel Bugallo (3º B)