Ti podes facer maxia

Paula Piñeiro Abalde de 1º de ESO A deleitounos cun magnífico truco de maxia na entrega de premios do VI Concurso de debuxo con lema sobre doazón e transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue( ADOS), demostrando cunha baraxa de cartas como os doadores e doadoras poden salvar vidas.

E é que realmente unha/un doador é unha/un anónimo mago que pode dar vida, isto é o que un ano máis queremos inculcar ao noso alumnado máis pequeno realizando estes carteis como proxecto interdisciplinario nas aulas de lingua galega e plástica para traballar a doazón e o transplante de órganos desde diferentes perspectivas, concienciando asi aos máis novos e novas do beneficio que a doazón e os transplantes ten para a sociedade, xa que eles e elas representan o futuro e teñen unha repercusión directa sobre a súa contorna familiar, académica e social.

Cando cheguen a Bacharelato e estean próximos a cumprir os 18 anos, volveremos insistir nas aulas para que consideren a doazón de órganos e sangue como un acto solidario de normalizada realización ao ser maiores de idade. De momento deixámosvos cuns cantos carteis nos que xa apuntan maneiras… e parabéns a Paula por ese merecido segundo premio.

Almudena Lacomba.