Sempre é un pracer voltar onda ti, IES Carlos Casares!

Din que tarde ou cedo sempre se volve á casa. E así foi. Este curso tiven a oportunidade de regresar ao centro onde tantos bos momentos e experiencias vivín cando estudaba.

E no Carlos Casares todo segue igual, pero diferente. Aínda lembro a última vez que escribín para a Manda Carallo en papel, que se esgotaba nada máis chegar á conserxería. E hoxe aquí está, na súa andaina dixital en pleno século XXI.

O curso xa chegou á recta final, pero abofé que deu de si. Iso si, cunha constante todo o ano: profes moi atarefados e alumnado sorprendentemente implicado. Esa é a razón pola que destaca o Carlos Casares.

Non soamente foron clases, senón tamén titorías, saídas, viaxe ao estranxeiro e participación no Plan Proxecta con Meteoescolas e Clase sen fume. É certo que o ritmo foi intenso, pero os resultados ben pagaron a pena.

No caso dos plans, estes proxectos resultaron beneficiosos non soamente polos contidos tratados, senón porque ao facer un chamamento á creatividade tamén serviron para motivar ao alumnado. En Clase sen fume, os rapaces e rapazas aprenderon a colaborar e a poñerse de acordo para tomar decisións, que logo desenvolveron con grande ilusión e esforzo. Para logralo foron de importancia os apoios por parte do centro, que agradezo especialmente, e que abrangueron dende o asesoramento xeral no desenvolvemento ata cuestións técnicas de son e edición de vídeos, pasando tamén polo uso de instalacións, xa que a biblioteca nos abriu as súas portas. En definitiva, alumnos, alumnas e profes demos o mellor de nós.

E que dicir das clases e das sesións de titoría? Foron moitas as veces que entoei o de ‘Chicles fóra!’ e ‘Hoxe estades repunantes…’ pero non me cabe dúbida de que fun dar cun alumnado que irremediablemente hei botar de menos ver avanzar pouco a pouco e con quen vivir o día a día con tanta alegría e ocorrentes conversas.

Foron bastantes as innovacións, pero tamén hai cousas que seguen igual. Os que antes eran profesores, convertíronse agora en compañeiros que me acolleron cos brazos abertos e dos que tiven a oportunidade de continuar aprendendo. E nas caras novas para min de entre os docentes acabei atopando persoas coas que compartir vivencias dun xeito moi grato.

Unha vez de alumna, outra de profe… Din que non hai dúas sen tres. Agardo ansiosa o noso próximo reencontro!

Liliana Domínguez