O director responde

Hai uns días publicamos nesta revista unhas cartas ó director do instituto remitidas polo alumnado de 1º A e 1º C da ESO. Hoxe mesmo recibimos a contestación do director a estas e queremos facer chegar tamén aos nosos lectores a súa resposta, que foi coas seguintes palabras:

“Alumnos e alumnas de 1º A e C de ESO:

En primeiro lugar, quero dicirvos que é para min unha ledicia que utilicedes a revista para expoñer cuestións relacionadas co instituto. Este foi un dos motivos polos que naceu Manda Carallo.

Logo, desexo agradecer as vosas palabras de cariño.

E xa, vou contestar as vosas queixas. 

Comparto varias das cousas ás que vos referides: o da calefacción, o das pistas, o dos cheiros… Estas e outras vímolas arrastrando dende a posta en marcha do centro. O sistema de calefacción está mal pensado e coa caldeira e os radiadores que temos non hai xeito de arranxalo (e viñeron xa non sei cantos técnicos a revisalo para buscar unha solución). 

Hai trinta anos que levamos pedindo que cubran unha das pistas deportivas e non hai modo. É necesaria para xogar e para estar nos períodos de lecer, xa que o vestíbulo e a cafetería non chegan para todos os que somos. Por certo, que saibades que unha reivindicación dende hai tantos anos como a da cuberta, era a da seguridade vial na zona de acceso ao instituto e que, por fin, a fixeron grazas ás peticións da ANPA e aos vídeos que fixo o alumnado. Esas peticións chegaron ao Concello e foron atendidas.

O dos cheiros ten que ver coa rede de saneamento e tampouco ten moito remedio, pese a que tamén o teñen visto varios entendidos nesas cuestións.

O estado das aulas é outra cousa. Pintar unha aula custa un diñeiro e por iso non se fai todos os veráns. Nisto podedes facer vós máis ca min: non pintar nas paredes nin nas mesas, non poñer os pés nas paredes, utilizar as papeleiras, non comer nas aulas, etc. Xa que falamos das aulas: nos recreos non se pode estar nelas e non debería ser necesario que o profesor de garda teña que ir todos os días desaloxando o alumnado. Se fixeramos ben isto, non habería lugar á vosa queixa a respecto da pouca vixilancia nos andares. Por certo, nun instituto non debería haber ningunha vixilancia, todos sabemos ben o que temos que facer para estar a gusto e non molestar os demais e, desta maneira, o profesorado podería estar facendo tarefas propias do ensino.

O de ter armarios ou “taquillas” xa o pensaramos e non é descartable. Con todo, hai inconvenientes: problemas de espazo para situalas, o control delas, o prezo e tamén, como non, vantaxes.

No verán faremos a reparación do aseo do ximnasio.

En canto ao mantemento dos grupos como están, o normal é que haxa moi poucos cambios,  e se facemos algún será por petición do interesado ou interesada ou porque nós pensamos que é unha boa medida.

Xa remato. Deixade que vós diga unha cousa: malia estes problemas dos que temos falado nas vosas cartas e na miña, temos un instituto estupendo no que se está ben e iso é porque hai moi bo profesorado e vós sodes mozas e mozos cos que dá gusto traballar”. 

Carlos Bartolomé Herranz

Director do IES Carlos Casares