Renovarse ou “morrer”

Un grupo de seis docentes do instituto estamos a participar este curso nun programa experimental de innovación educativa chamado Observa_Acción, o cal foi convocado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia. Esta iniciativa naceu coa finalidade de fomentar entre o profesorado a innovación educativa a partir da observación, a avaliación e o intercambio entre iguais. Das tres liñas ofrecidas por este programa, Innova_Acción, Comunica_Acción e Dixitaliza_Acción, nós escollemos a primeira, orientada en dous sentidos: a renovación das propostas didácticas e a mellora dos procesos de xestión dos centros educativos. A razón que nos levou a participar nesta actividade formativa foi a inquedanza que todos nós sentimos dende hai tempo por mellorar as nosas estratexias metodolóxicas na aula para facer medrar a motivación do alumnado e axudarlle a obter uns mellores resultados. E a realidade é que Observa_Acción nos ofrecía un marco para coñecer in situ estratexias didácticas levadas ás súas clases por compañeiros do noso e doutros centros. As persoas que nos implicamos nesta iniciativa fomos: Almudena de Educación plástica, Beatriz de Lingua galega, Cristina de Bioloxía, Emma de Matemáticas, Mercedes de Latín e Óscar de Grego.

A actividade iniciouse no mes de decembro e desenvolveuse en tres fases. A primeira tivo lugar no noso centro e consistiu en realizar diferentes “observacións” entre nós, é dicir, que uns entramos nas clases dos outros para coñecer e analizar as metodoloxías que empregabamos nas nosas aulas.

As fases segunda e terceira foron nos meses de febreiro e maio respectivamente e nelas tomamos parte en senllos intercambios con docentes doutros institutos, cos cales estabamos irmandados (soamente ós efectos desta actividade): o IES A Cachada de Boiro na segunda fase e o IES Los Sauces de Benavente (Castela e León) na terceira fase. Así pois, tivemos que desprazarnos ata Boiro e Benavente. Nestes casos “observamos” nas aulas os compañeiros dos outros institutos e fomos observados por eles, facendo así un verdadeiro intercambio de experiencias educativas. Ademais, Mercedes, a nosa xefa de estudos, tamén compartiu cos membros dos equipos directivos deses centros impresións sobre os mecanismos de xestión e organización dos seus institutos.

Nestes momentos estamos a piques de rematar a actividade e podemos concluír que foi bastante frutífera: primeiro, porque nos permitiu coñecer compañeiros de profesión que nos acolleron de forma magnífica cando visitamos os seus centros; segundo, porque deles puidemos aprender propostas didácticas innovadoras que pensamos aplicar no futuro nas nosas aulas.

IMG-20180504-WA0002Visita ó IES Los Sauces de Benavente

 

Óscar Pedrido

Membro do consello de redacción da revista e profesor participante na actividade Observa_Acción.