Peche do curso

Rematamos este curso tan atípico nunha noite especial, a nosa noite meiga, coa necesidade, máis que nunca, de invocar o ben e afastar o mal para que os bos conxuros nos axuden ata o final do curso 20/21!!!.

Aínda que esta noite non se poderán queimar literalmente cadernos e libros nin malos recordos, poderemos turrar de tradicións pouco practicadas como poñer en remollo sete herbas ( fiuncho, herba Luisa, codecho, fento macho, malva, romeu e herba de San Xoán) en auga de sete fontes ( isto é para nota…), botar sal polos tellados ( para notable polo menos…) ou fretar a nosa pel co resío da mañá ( isto véxoo máis factible…).

O caso é que este ano imos crer, máis aínda, nesta noite e no seu poder purificador. “En San Xoán, o coronavirus fuxirá”, as bruxas poden quedar, non molestan nada…

Bo verán a toda a comunidade educativa!!!

Almudena Lacomba