O teu apoio vale un mundo

As Illas Cíes son recoñecidas como un espazo de gran beleza natural e riqueza en biodiversidade, que reúne uns valores medioambientais excepcionais de tal magnitude, que as converte en xoia enclave das Illas Atlánticas de Galicia. No contexto de poñer en valor este ben natural, así como de promover e asegurar o seu estado de conservación ambiental, articúlase a Candidatura das Illas Cíes Patrimonio Mundial UNESCO, promovida polo Concello de Vigo.

Así , o 13 de novembro arrinca o programa educativo Planeta Cíes do Concello con unidades didácticas destinadas ao alumnado de 3º e 4º de ESO.

O 31 de xaneiro o noso IES mergúllase no apoio á candidatura, traballando co grupo de 4º de ESO matriculado na materia Cultura Científica, porque queremos que as Illas Cíes sexan declaradas Patrimonio da Humanidade.

O 26 de febreiro visitounos Carlota, bióloga do programa, para falar ao alumnado de 4º de ESO da materia Cultura Científica sobre desenvolvemento sostible e patrimonio.

O 26 de maio, 500 estudantes de 3º e 4º da ESO de trece centros escolares de Vigo, desprazáronse ás Illas Cíes cun obxectivo: consolidar a candidatura do arquipélago a Patrimonio da Humanidade da Unesco. 
Logo de tres meses de traballo teórico nas aulas tocaba pasar a acción! Como parte do programa ‘Planeta Cíes’, participamos nesta escapada na que o noso alumnado aproveitou para gravar o seu vídeo de apoio á candidatura. 

Velaquí o audiovisual que no mes de setembro “competirá” cos vídeos dos outros centros participantes para conseguir unha visita, esta vez dos fondos mariños das illas.