Mergullándonos na poesía

O xoves 10 de maio Carlos Negro, poeta e profesor de Lingua Galega e Literatura no IES de Ames, estivo no noso instituto para impartir unha conferencia sobre a importancia da poesía e dos poemas. A verdade é que poucos autores pode haber máis indicados que este para unha charla deste tipo, pois hai uns días acaba de recibir o premio dos clubs de lectura 2018 da Consellería de Educación por ser o autor galego máis lido o curso pasado por estas agrupacións escolares.

A actividade, á que asistiron os alumnos de 1º da ESO e algúns de 3º, comezou coa lectura por parte de Carlos dun dos seus mellores poemas e coa súa presentación formal. A continuación explicou a importancia e o significado que na súa opinión teñen os poemas: díxonos que para el os seus poemas son unha forma de expresar os seus sentimentos e de liberarse dos seus problemas. Tamén aproveitou para criticar os estereotipos machistas tan habituais nestes tempos nos que vivimos e fíxoo dun xeito un tanto singular: por raro que pareza, trouxo unha Barbie, encerrouna nunha gaiola, leu un poema e continuou cunha parodia dun test para nenas publicado nunha revista infantil.

Os participantes na charla tamén tiveron a oportunidade de xogar coa poesía a partir dunha actividade que Carlos nos propuxo: el lía unha parte dun dos seus poemas e os alumnos tiñan que repetila imitándoo, pero o asunto comezou a complicarse cando foi aumentando pouco a pouco a velocidade á que recitaba esa parte. Chegou un momento no que os estudantes se perdían, non porque non fosen capaces de lembrar as palabras, senón porque non eran quen de repetir os versos con tanta rapidez como el. Foi un xogo bastante divertido.

Xa para rematar, o noso invitado despediuse cun dos poemas dun dos seus primeiros libros e como guinda ó pastel repartiu unhas onzas de chocolate, pedindo que se recordase sempre esta frase: “o chocolate é como un poema, pequeno, doce e o mellor do mundo”.

IMG-20180528-WA0006 IMG-20180528-WA0009

Feito por Pablo Fernández (3º C) e Daniel Bugallo (3º B)