O noso grupo de teatro

O noso grupo de teatro xa cumpriu dez anos no centro. Con tal motivo roubámoslles un pouquiño do seu tempo para que nos falen da súa dilatada experiencia.

O seu director, Juan Lois Rey di non perder a emoción daquel primeiro día en que a ilusión por achegar o teatro aos máis novos e novas fíxolle superar os seus nervios. Esa ilusión, co paso dos anos foi crecendo e mesmo tivo que facer piruetas no seu traballo para poder seguir impartindo clases todos os luns no noso IES. Non dubida en afirmar que os luns son os seus días preferidos da semana, cando non ten un bo día ou anda baixo de ánimo pensa que o luns está preto e a semana faise máis levadeira.

Durante todos estes anos traballaron en textos de grandes autores como Darío Fo, Carlos Casares ou compañías potentes como T de Teatre, os e as integrantes do grupo sobordan tanto talento que crearon os seus propios textos, improvisaron no escenario ou actuaron para un grupo de maiores nun xeriátrico. Todos e todas os teatreiros defendéronse sempre en escena como verdadeiros profesionais. Superáronse medos, pánicos escénicos, vergoña…fomentouse a amizade rompendo as barreiras da idade, a paixón pola lectura e o teatro.

Asegura que xeración tras xeración, o alumnado ensinoulle moito, riron e choraron. En Teatro son unha gran familia.

Ao alumnado gústalle porque é unha actividade que lles axuda a perder a vergoña , porque hai alumnado de todos os cursos e porque facendo teatro poden interpretar aos seus personaxes favoritos. A maioría deles apuntáronse porque xa facían teatro no colexio e así poden falar en público máis facilmente.

A obra máis destacada que interpretaron foi “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas II. A revinganza” , que se fixo no ano que se dedicou o Día das Letras Galegas a Carlos Casares, e a súa preferida foi a do ano pasado, “AmArte, un paseo pola arte” en conmemoración do bicentenario do Museo do Prado e no marco do Proxecto de innovacion en dinamización lingüística O Prado fala galego.

Os nosos actores e actrices veteranos recomendan ao resto de alumnado que se apunte porque é unha experiencia divertida e así poden expresarse con maior liberdade. E os novos e novas esperan ter un curso emocionante nesta actividade.

Eire e Helena, 2º de ESO