Leandro: “O instituto é unha casa que teño a 25 km da miña outra casa”

Cantos anos levas no instituto?

Creo que 26 ou 27.

E dentro dos ámbitos lingüísticos?

Pois o mesmo tempo. Desde que entrei xa comecei. Aínda que non había normalización lingüística, xa faciamos actividades para que o galego estivese á mesma altura que o castelán no centro.

Que é o que máis che gusta de ser profesor?

Ver se ó final consigo que os alumnos teñan interese non só polo galego, porque eu dou clase de galego, senón por aprender e por saber defenderse na vida; eu creo que un profesor non ten que ensinar unicamente a súa materia, ten que ser un exemplo, non soamente dunha materia de estudio, senón un exemplo de vida.

Antes de traballar como profesor tiveches outro oficio?

Desde sempre dei clases particulares porque os meus pais non me podían pagar a carreira. Tamén fixen algunhas cousas para conseguir diñeiro e poder estudar: estiven traballando de pinche de albanel no verán, e en dous veráns fun a Suíza a traballar na recolección de froita.

Chegaches a ser profesor por vocación?

Si, sempre me gustou. Desde pequeniño pensei sempre que quería ser profesor.

Cal sería a orixe do nome da revista?

O nome da revista foi sempre un problema entre o profesorado, o claustro e o propio alumnado. Vós sodes moi novas, pero por aquel entón había un grupo de música que se chamaba “Antón Reixa e Os Resentidos” e tiñan unha canción que se titulaba “Fai un sol de carallo”, pois nacera a revista cando estoupou o boom desta canción e deste grupo aquí en Galicia, cando rexurdira a música galega pero moderna, rompendo con toda a música tradicional. Naquel tempo Carlos o director e mais eu, propiciamos a creación da revista e un grupo do alumnado, con ganas de traballar, propuxeron ese nome e pareceunos ben. Houbo moita polémica durante estes 25 anos de revista, porque houbo ocasións en que o profesorado protestaba porque non era un nome axeitado para unha revista cultural dun instituto, pero era unha revista do alumnado e eran eles os que tiñan que decidir e sempre que se votaba, loxicamente, se mantiña o nome. Por iso se mantivo e agora é seguro que se vai manter porque xa está rexistrado ese nome nesta nova revista online que vós comezades.

Que che parece o cambio a revista dixital?

Xenial. Eu levo vinte e cinco anos coa revista. Empeceina con Carlos, o director. Creo que pola miña parte non sei se a revista estaba ben ou estaba mal, non entro nesas disquisicións, pero necesitaba un cambio de dirección, e xa era difícil que eu puidese cambiar cousas porque estaba todo demasiado predisposto a seguir unha liña, unha dinámica, necesitaba un cambio a revista, e neste momento o cambio fundamental era un cambio de formato, cambiar a dixital e online.

Que recordos e anécdotas levas deste instituto?

O instituto vouno botar moito de menos, sobre todo o alumnado. Eu síntome feliz no instituto; é unha parte fundamental da miña vida. Pero tomei esa decisión e vouna levar a cabo, xa está decidido. O día 6 de abril deixo de ser profesor e sei que o vou pasar mal, porque me segue encantando, porque sigo saíndo de clase contento e me segue gustando poder facer algo polos alumnos, xa digo, non soamente que aprendan galego, senón ensinar cousas, abrir camiños … E recordos… moitísimos, non podería escoller un. Eu sempre dixen, vivo en Tui, que o instituto é unha casa que teño a 25 km da miña outra casa, é unha parte da miña casa, e aquí sucede unha parte moi importante da miña vida.

FOT_Entrevista_24032015_01_Leandro Xubilacion_EDIT

TEXTO: Sara Seara e Lara Quicler