O director fala

Facer un resumo do curso que está a piques de rematar, non é nada doado. Compartimos moitas ilusións e reencontros pero tamén tristezas e despedidas.

A inicios de setembro, co comezo do curso, a chegada do alumnado novo é algo especial. Ver as súas caras  ilusionadas polo comezo dunha nova etapa nas súas vidas, fainos contaxiarnos desa enerxía e desa alegría coa que chegan ao instituto. Recibir o alumnado que continúa os seus estudos, ver como medraron, como se van facendo maiores e as súas mochilas cargan con cada vez máis responsabilidades pero tamén con novas inquedanzas.  O ir e vir dos rapaces e das rapazas polos corredores, polas escaleiras é o que dá vida ao centro e é o que fai que aínda conservemos as ilusións coas que comezamos nesta profesión.

Volver ver as caras dos profesores e das profesoras e lembrar todos os anos que levamos xuntos no Carlos Casares. Recibir o profesorado que vai compartir con nós moitas experiencias, e facilitarlles o labor durante todo o curso.

Mais no día a día do centro tamén hai despedidas, a dos rapaces que rematan o Bacharelato. Cando os vemos o día da súa graduación, acompañados das súas familias, pasan pola nosa cabeza moitas cousas. Vímolos medrar e compartimos con eles tantos momentos…

Unha das visitas que nos enchen de satisfacción é a dos antigos alumnos, algúns que volven ao centro para contar a súa experiencia logo dun ano na universidade ou nun ciclo e outros, que xa levan máis tempo fóra do instituto como: Antonio Donís, Carlos Tresandí, David Posada e Yelko Veiga. Todos viñeron falar das súas paixóns, das súas experiencias, dos seus estudos e do seu traballo en diferentes ámbitos.

Casualidades da vida, logo de moitos anos como profesoras no centro, o 19 de maio xubílanse dúas compañeiras: Esther e Geli. A elas téñolles especial aprecio e cariño polo traballo ben feito e pola súa calidade humana.

Non quero rematar sen lembrarme de todos os docentes e compañeiros que organizaron e colaboraron nas múltiples actividades e viaxes realizadas ao longo do curso. Nunca lles estaremos  o suficientemente agradecidos  pola dedicación e esforzo persoal que poñen en cada unha delas.

Tamén os meus parabéns a todo o profesorado e alumnado polos premios recibidos, ben merecidos que son, e en especial a Claudia, a alumna de 1º de Bacharelato polo premio extraordinario de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico.

Sen dúbida ningunha, este curso é, e será sempre, o curso de André.

 Xa van alá case que trinta anos dende que a nosa Revista Manda Carallo comezou a súa andaina. Unha revista que naceu por e para o alumnado. É a súa revista, a que lle serve de plataforma para dar a coñecer os seus gustos, servir de diario das súas viaxes, das súas saídas, e ser, en definitiva, unha porta aberta ao mundo dende o IES Carlos Casares de Vigo.

A

Carlos Bartolomé Herranz

Director do IES Carlos Casares