O comezo dunha nova etapa

Que sentimos cando chegamos ao IES Carlos Casares? O luns despois do día de presentación, os alumnos e alumnas de primeriro da ESO fixemos unha actividade na que tiñamos que por, no noso Caderno do Escritor, as nosas primeiras impresións sobre o instituto. A continuación deixámosvos algúns dos textos do alumnado:

Cando cheguei ao instituto, o día da presentación, non tiña moitos nervios, máis ben o que sentía era unha mestura de curiosidade e inquietude polo que ía acontecer. Unha vez dentro do salón de actos, o director nomeou os alumnos que ían estar nas distintas aulas, e os seus respectivos titores. A min tocoume en 1º A e a nosa titora é Lilia. O certo é que non foi tan distinto ao que me esperaba, se ben é certo que hai máis normas e máis expectativas porque xa estamos en secundaria, entre nós no “insti”, e deixamos atrás o colexio.

Esta nova etapa é de transición, non somos nenos nin somos os maiores. Aínda que os grandes do “insti” nos vexan como os “pequenos”.

Outra novidade interesante é o uso do autobús para vir ao centro. Malia que hai que madrugar moito, vese compensado co tempo de faladoiro cos compañeiros na parada do autobús.Non me vou esquecer da nosa cafetería, iso si que é unha novidade. Seguro que durante o inverno será un lugar agradable onde poder estar. Ó ver os alumnos de 2º de ESO e os dos cursos superiores, entendín a súa tranquilidade, porque xa viviran esta situación en anos anteriores. Así que, espero ser eu un dos que o ano que vén sexa un exemplo de tranquilidade para os novos. 

                                                                                                                                                                                                                                                                                                   Saúl Costa Oliveira

O primeiro que sentín ao chegar ao instituto foi que ía perderme dentro deste edificio, con tantas corredores e tantas escaleiras. A noite anterior ao primeiro día estiven un pouco nerviosa, xa que pasamos de ser os maiores do colexio a ser os pequenos do instituto. Tamén me sentía feliz porque é unha etapa nova na miña vida, moi importante para o meu futuro. Agora mesmo estou moi contenta xa que me tocou na mesma aula ca a miña mellor amiga: iso gústame moito. Tamén tiña medo e pensaba “e se me perdo ao coller o autobús?”. Seguro que se me dá ben o instituto, ou iso creo eu. Non pode ser moi difícil, á parte de que está a miña irmá aquí e iso dáche seguridade: podo ir buscala se quero algo. Iso é o que sentín ao chegar ao instituto.

Lucía Román

Cando cheguei sentín moitas emocións, nervios, medo e alegría. Estaba nerviosa porque non quería deixar o colexio atrás e tamén porque non quería perderme no instituto o primeiro día. Tiña medo de que me separasen de todos os meus compañeiros e estaba contenta porque ía facer novos amigos. O que sentín ao chegar foi moita ilusión, por coñecer o instituto, por facer amigos, por coñecer os profesores… Pouco e pouco os nervios ían desaparecendo e eu cada vez estaba máis contenta de estar aquí porque sei que será unha etapa que marcará a miña vida. Cando me dixeron que me tocara coas miñas amigas, alegreime. Non estaría soa pero, ao mesmo tempo, estaba triste porque eu desexaba estar na aula de 1ºC como a miña irmá, mais… non se pode ter todo nesta vida.

Coñecín unha nena chamada Marta, que vive preto da miña casa, así que creo que nos imos levar moi ben.

Paula González Pérez