O BMX, un deporte diferente

Ola a todos! Hoxe vouvos falar dun deporte moi diferente aos que saen todos os días no telexornal e que eu mesmo practico, como podedes ver no meu instagram (@m_gorisbmx). Trátase do BMX, un deporte que non é practicado por moitas persoas, aínda que pouco a pouco hai máis xente á que lle gusta. Consiste en facer trucos e acrobacias coa bicicleta no aire, no chan, subido a diferentes alturas, esquivando obstáculos… Precísase unha bicicleta que sexa de pouco peso, ao redor duns 11 kg. Ao principio é conveniente poñerlle un freo e, cando un xa teña algo de nivel, pode quitalo; non obstante, se se quere seguir usando o freo, pódese instalar o rotor, o cal serve para xirar o guiador 360º (barspin). As rodas deben ser planas, é dicir, non deben ter cadrados como as bicicletas de montaña, porque así é máis sinxelo pedalear; as bielas (o que suxeita os pedais) é preciso que sexan resistentes para aguantar o peso do corpo ao caer.

No BMX hai dúas modalidades, que son Park e Street. A modalidade Park consiste en practicar BMX nun park/skatepark/BMX park, é dicir, nun recinto pechado no cal hai ramplas, distintos módulos, subidas e baixadas de vertixe, curvas peraltadas, etc. Todos estes elementos están pensados para que os pilotos poidan facer este deporte máis espectacular. A imaxe que está debaixo representa un skatepark con distintos módulos.

File:Skatepark in Le Havre (2).JPG

Imaxe sacada de https://www.elmiradoronline.com

A modalidade Street consiste en practicar BMX na rúa. Neste caso, para facer os trucos e acrobacias, aprovéitanse diferentes partes do mobiliario, como, por exemplo, bancos, escaleiras, varandas, bolardos, muros… Os lugares aos que un sobe coa súa bicicleta chámaselles spots. Nesta foto podedes ver un rapaz practicando BMX Street.

Resultado de imagen de fotos de spots de bmx sin derechos de autor

Imaxe tomada de https://www.pictadesk.com

Hai tamén outro deporte moi parecido ó BMX, que se chama MTB (mountain bike). Este practícase cunha bicicleta diferente, coas chamadas bicicletas de montaña, e normalmente faise sobre terra, como vedes na seguinte foto. Non obstante, no MTB tamén existen as modalidades Park e Street.

Resultado de imagen de foto de mtb descenso

Imaxe sacada de https://www.yandex.ru

 

Nestes dous deportes hai miles de trucos que se poden realizar, pero o primeiro que se debe aprender é o máis sinxelo de todos e que serve para facer todos os demais. Chámase bunny hop e consiste en saltar levantando primeiro a roda dianteira e logo a traseira. Despois de telo controlado, podes comezar con outros trucos que precisan del: un 180, one hand, no hands… Aquí quero darvos un consello: se tentades algún truco e non vos sae, non vos “raiedes” e seguide practicando, xa que con practica sae todo. E sobre todo calma e concentración, as dúas son moi importantes.

Para os pilotos de BMX e MTB organízanse diferentes competicións nacionais e internacionais. Nelas participan persoas con moito nivel e loitan duramente pola victoria, xa que están en xogo os cartos do premio e tamén os dos patrocinadores, algúns deles moi famosos. Entre o diñeiro dun lado e o do outro hai pilotos que chegan a vivir deste deporte. Algúns exemplos: Sergio Layos é un biker español que vai por todo o mundo participando en distintas competicións; Logan Martin é un biker australiano que participa en eventos moi importantes, como, por exemplo, os X-GAMES, a maior competición do mundo de BMX; e por último e non menos importante Ryan Williams, o mellor biker do mundo: proba a buscar vídeos del en youtube e xúroche que alucinarás.

Hai un par de cuestións negativas no BMX e o MTB. A primeira é que, cando os trucos saen mal, pódeste facer dano. Por iso debes comprar e levar sempre postas proteccións para as canelas, os xeonllos, os cóbados… e o máis importante, o casco! A outra cuestión é o diñeiro: o BMX é un deporte bastante caro, xa que a bicicleta custa bastantes cartos. Unha bicicleta en condicións pode andar sobre os cincocentos euros. Ademais, as pezas e repostos tamén son caros. Así que, xa sabedes, ide comezando a aforrar! :)

E agora todos a practicar BMX!!! Se queredes verme a min en acción, facede clic nesta ligazón.

 

Mario Domínguez Gorís 2ºA

Tags: × ×