Nunca desistas

En decembro, uns días antes das vacacións de Nadal, recibimos no centro a visita de Carlos Tresandí, que entre setembro do ano 1991 e xuño do 1995 foi alumno do IES Carlos Casares, ou mellor, do Instituto de Bacharelato Meixoeiro, que así se chamaba antes. Carlos falounos un pouco da súa traxectoria profesional e contounos que na súa vida percorreu diferentes vieiros ata desembarcar no que a el realmente lle gustaba e o motivaba: a radio e o humor.

Tresandí1

Comezou a súa andaina no mundo do audiovisual, en concreto na radio, ben novo, cunha emisión que se facía dende o IES Ricardo Mella. No Casares formou parte do consello de redacción da revista Mandacarallo dende o seu primeiro ano, no 1991.

Na actualidade colabora en varios programas da Radio Galega: Somos quen, xunto con María Xosé Rodríguez, e Galicia en goles, e ademais dirixe e presenta o programa humorístico E por que non?

O noso actual consello de redacción da revista Mandacarallo agradeceu enormemente esta lección de vida que nos deu Carlos Tresandí. Como el mesmo dixo: “A vida recompensaranos se non desistimos. Debemos crer no que facemos e loitar por conseguir os nosos obxectivos”.

Foi un orgullo para nós contar cunha persoa que é, como quen di, da casa. Se queredes saber como é un dos seus días de traballo, podedes botarlle unha ollada a este vídeo de youtube.

Marco Dopazo Pazó.