NATACIÓN

A natación é un deporte acuático coñecido mundialmente. Está incluido nas Olimpíadas, e consta de 17 eventos na modalidade masculina e outros 17 na feminina. Nas competicións deste deporte, o obxectivo principal é tratar de ser o primeiro ou primeira en completar a distancia indicada na modalidade establecida.

Este deporte consiste no desprazamento pola auga grazas ao movemento das extremidades, combinando con estes os tempos para a respiración. Estes movementos pódense realizar de diferentes maneiras, polo que existen diferentes formas de nadar:

  • Crol: nel, o nadador/a non para de bater os pés, un despois doutro. Respecto ao movemento dos brazos, denominado brazada, levántase un brazo co cóbado relaxado cara arriba, coa cabeza fóra da auga mirando cara ao lado do brazo para respirar, mentres o brazo contrario estase a mover na auga. Despois temos que sacar fóra o brazo que estaba antes no interior da auga, e o outro estaría a moverse debaixo desta, coa nosa cabeza tamén dentro da auga, expulsando o aire que collemos antes polo nariz.
  • Costas alternas : persoalmente, encántame este estilo. É simple: trátase de bater os pés estando boca arriba, elevando un brazo estendido cara arriba e, como as aspas dun helicóptero, baixalo, de maneira que fagas un semicírculo e remates co brazo tocando a auga co dedo pequeno da man, pegado a un lado da cabeza. Mentres se fai isto cun brazo, o outro estase movendo no interior da auga, de maneira que axude a impulsarse. Este estilo é moi semellante ao crol pero de costas.
  • Braza: é un dos máis complexos, e o máis lento. A brazada é a seguinte: cos brazos aos lados da cabeza e as palmas das mans xuntas, sácase a cabeza de debaixo da auga para respirar, mentres as palmas das mans despéganse e os brazos móvense en sentido contrario cara a fóra. Despois dun tempo, as mans fan un xiro para despois comezar a xuntarse polas palmas de cada unha, preto do peito, mentres os brazos móvense ata rematar na posición inicial. A patada comexa cando a brazada está a rematar, e é a seguinte: comézase coas pernas principiando a flexionarse para rematar cos talóns máis preto dos glúteos. Despois os pés xíranse de maneira que cada talón se toque mutuamente, para que logo os xeonllos se movan cara a fóra de xeito máis ben horizontal. Finalmente, as pernas deben facer unha impulsión e rematar como antes: xuntas.
  • Costas dobres : é semellante ás costas alternas , coa diferenza de que se moven os dous brazos á vez, o que provoca un movemento das costas que provoca que se levante lixeiramente.
  • Bolboreta : boca abaixo, e ten unha patada especial, é semellante ao movemento de cadeira e pernas dunha serea : a cadeira elévase, para despois levar cara a perna un movemento en forma de onda, e así consecutivamente. A brazada comézase cos brazos estendidos por encima da cabeza, para despois facer un movemento semicircular para levar os brazos cara ao corpo, para despois sacalos fóra da auga e facer un movemento no que se elevan os brazos para recuperar a posición inicial destes. Nesta brazada os brazos móvense ao mesmo tempo. Para combinar a patada e a brazada coa respiración, pódese facer unha patada máis enfocada ao impulso e outra algo máis enfocada a reposicionarse e preparase para realizar a brazada, aínda que esta tamén nos axude a impulsarnos.
Salto de cabeza

Ademais de formas de nadar, tamén existen tipos de internarse na auga, é dicir , os saltos. Un dos máis coñecidos pode que sexa o salto de cabeza, que necesita práctica para poder meterse na auga coa cabeza e os brazos estendidos enriba, cunha man encima da outra.

Sinceramente, eu recomendaría moito este deporte, xa que ten moitos beneficios, como por exemplo axuda á hora de relaxarse, ou a mellorar a respiración e a capacidade pulmonar, ademais da resistencia. Tamén é un deporte divertido, xa que estás dentro da auga e persoalmente, a min encántame.

Irene Jardón 3ºB