Recollendo premios no MUPEGA

O pasado mércores 6 de xuño o alumnado de 1º ESO C fomos ao Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) en Santiago de Compostela a recoller os premios do I Concurso de carteis sobre doazón de órganos e sangue, no que resultaron gañadoras Irene Jardón e Area García, cuns carteis moi elaborados dos que xa dimos conta noutro post.

Antes da recollida dos premios visitamos o museo, destinado a recuperar e mostrar o noso legado pedagóxico. Vimos como foron evolucionando as aulas ano tras ano e a verdade é que houbo moitos cambios. A primeira aula na que entramos foi a máis antiga: era unha clase moi pequena, tiña pratos colgados na parede e as mesas parecían mesas de salón. A segunda foi unha aula que xa tiña bastantes cambios en comparación coa primeira: había pupitres e unhas cadeiras moi incómodas feitas de madeira, unha bandeira de España, algunhas mesas con máquinas de coser… é o principal, os libros. A terceira clase xa era máis moderna, pero aínda así houbo algo que nos chamou moito a atención: no chan preto da mesa do profesor había unha especie de recipiente onde se cuspía; era para evitar o contaxio de enfermidades, sobre todo, a tuberculose. A última aula que vimos foi a da E.X.B., que era unha das máis parecidas ás nosas de agora, onde xa había bolígrafos da marca Bic, gomas MILAN, pupitres moi parecidos aos nosos e as cadeiras xa non eran de madeira.

Cando rematamos a visita ao museo, fomos ao Salón de Actos, onde as nosas compañeiras recolleron os seus premios: o primeiro premio fora para Irene Jardón, á que lle regalaron un iPad (e 1000 € para o instituto), e o segundo fora para Area García, que recibiu unha cámara de fotos dixital (e 500 € para o centro). Ao resto de alumnado déronnos unha bolsa cuns agasallos de agradecemento por ter participado no concurso. Irene e Area dedicámoslle os premios que gañamos a un compañeiro que desgraciadamente faleceu por leucemia a comezos de curso.

Ao final ofrecéronnos un pequeno aperitivo con zumes, comida e moitas máis cousas.

 

Fabiola Viñas, 1º de ESO C