Mulleres e TIC, unha boa combinación

E por que non imos ser as mulleres igual de boas que os homes coas TIC? Nós pensamos que as mulleres e os homes teñen a mesma capacidade para desenvolverse coas novas tecnoloxías e quixemos demostralo cunha actividade que organizamos o pasado xoves 3 de maio no instituto. Vinte e cinco alumnas de diferentes cursos reunímonos na aula de informática para conectarnos a distancia, xunto con mozas doutros centros de ensino, con catro mulleres que traballan na fundación Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA). O CESGA é unha institución que ten como obxectivo contribuír ao avance da ciencia e a tecnoloxía mediante a investigación e a aplicación da computación, as comunicacións de altas prestacións e outros servizos avanzados relacinados coas TIC. As catro mulleres coas que estivemos en contacto foron:

  • Ana Cidre: desenvolvedora de software especializada en Angular, Women Techmaker Lead, organizadora de Google Developer Group de Vigo e fundadora de GalsTech. Non é unha informática corrente, xa que ten un grao en Belas Artes e un máster en Negocios e economía internacional.
  • Cecilia Grela: enxeñeira informática, máster en Consultoría en software libre, desenvolvedora de software en proxectos I+D+I e formadora en TIC.
  • María José Durán: enxeñeira informática.
  • Susana Rey: enxeñeira en telecomunicacións, máster en Seguridade da información e delegada de protección de datos do grupo Euskaltel.

A actividade iniciouse cunha comprobación da conexión: conectámonos ao CESGA cunha tablet e a través dun chat iamos confirmando se todo estaba listo para comezar, se escoitabamos ben o audio, se se vía ben a imaxe, se non había cortes… Despois falaron algunhas autoridades, coma pro exemplo a directora do CESGA. A continuación as catro informáticas contáronnos un anaco da súa vida, como se converteron no que son agora, como se interesaron polas TIC, os obstáculos que tiveron que afrontar para chegar ao lugar no que están, etc. Logo empezamos a facerlles preguntas e elas ían contestándoas, pero non respondían todas, xa que había moitos centros conectados ao mesmo tempo e non daban feito. Nós fixemos varias: en quen ou en que se inspiraran para dedicarse ás novas tecnoloxías, como se sentiu Ana ao ser nomeada Women Techmaker Lead de España por Google, etc.  Tamén houbo preguntas doutros centros moi interesantes, como, por exemplo, por que María José Durán se interesara polos “potingues” (ten unha tenda online de cosméticos ecolóxicos chamada Potingues Verdes).

Rapazas1

A verdade é que esta charla-coloquio estivo moi ben e foi moi interesante, malia que non puideran contestar todas as nosas preguntas. A nós serviunos para denunciar a escasa presenza de mulleres nas TIC, para dignificar a súa figura neste ámbito e para conmemorar o Día Internacional das Nenas nas TIC. Esperamos que isto siga en pé e que o próximo curso poidamos contactar outra vez con elas. Algunhas de nós xa estamos pensando en ser ENXEÑEIRAS!!!

Carlota Salgado (1º B) e Sofía Molares (1ºC)