Moitas actividades en Recíclate con Sogama

O IES Carlos Casares está a participar este curso académico na actividade do Plan Proxecta Recíclate con Sogama, no que participa fundamentalmente alumnado de 4º ESO.

Con tal motivo, a sociedade Sogama instalou tres colectores: amarelo, azul e verde, para poder recoller selectivamente envases, papel-cartón e residuos xenéricos. Ademais, promoveuse a participación na recollida selectiva mediante carteis e presentación no monitor de entrada. O alumnado tamén  asistiu a unhas charlas sobre os residuos urbanos e a súa separación e xestión. Realizáronse obxectos empregando diversos residuos, elaboráronse carteis e presentacións dixitais sobre o problema dos residuos na nosa sociedade.

Un grupo de alumnos acompañados de dous profesores foron invitados pola sociedade Sogama a visitar o Complexo Medioambiental de Cerceda guiados por dúas monitoras que foron ensinando todas as instalacións:  a planta de recepción e separación de envases, a planta de recepción do lixo xenérico que se complementa coa elaboración de combustible derivado de residuos e a súa posterior incineración na planta termoeléctrica. Tamén puido visualizarse o vertedoiro de escouras que resultan desa incineración.

Esta actividade pretende, en última instancia, concienciar sobre os problemas ambientais que se derivan do modelo de consumo actual na nosa sociedade e fomentar un consumo máis responsable e que faga máis real a denominada estratexia dos TRES ERRES (Reducir, Reutilizar, Reciclar, nesa orde de preferencia) en relación aos residuos.

 

Fotos: Miguel Valiño.