Marina Marroqui conta a súa historia

O alumnado de 3º de ESO A e B asistiu o pasado venres no museo Verbum, en Samil, a unha charla impartida por Marina Marroquí Esclápez, presidenta da AIVIG (Asociación Ilicitana contra la Violencia de Género).

A actividade comezou cun ton humorístico, analizando uns debuxos que tiña Marina gardados duns obradoiros anteriores. Neles os rapaces tiñan que debuxar “o seu pibón ideal” con cinco características físicas e cinco psicolóxicas. Isto foi moi gracioso e deu que pensar sobre os estereotipos que aínda hai na nosa socideade sobre os roles de xénero.

Proseguiuse cunha reflexión sobre por que algúns anuncios utilizan o corpo das mulleres como reclamo para vender os seus produtos, que ademais non tiñan nada que ver cos artigos anunciados (Chupa Chups, Burger King, colonias, cervexa…). Isto é unha realidade da que poucas veces nos decatamos.

Tamén se trataron os estereotipos de xénero no lecer actual: nas películas, na música, nos libros…

Rematamos pasando da risa ás bágoas cando Marina nos conmoveu coa súa triste historia: durante catro anos sufriu violencia machista da súa parella, un home cinco anos maior que ela. Este controlábaa psicoloxicamente coas súas artimañas para afastala de familiares e amizades. Tamén tiveron a oportunidade de facer preguntas e inmortalizar o momento cunha foto en grupo.

Despois de case tres horas de charla, saímos cunha mente máis aberta e crítica, e un marcapáxinas cun termómetro contra a violencia machista.

Feito por Daniel Bugallo.

IMG-20180316-WA0002