Marabilloso concerto didáctico de arpa

O venres 27 de novembro tivemos a gran sorte de escoitar a unha prestixiosa arpista: Alba Barreiro.

Viguesa de nacemento, comeza a súa andaina musical no mundo do piano, mais deseguida atopa na arpa a súa verdadeira vocación. Será no ano 2000 cando comece os estudos de arpa celta da man de Rodrigo Romaní, na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Continuou os seus estudos achegándose á arpa clásica no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, sendo a súa profesora a arpista Celine Landelle, arpista principal da Orquestra Sinfónica de Galicia. Alba completa a súa formación superior no Conservatorio de Salamanca, onde asiste ás maxistrais clases de Marianne dez Voorde, e no ano 2013 obtén a titulación Superior en Musikene (Centro Superior de Música do País Vasco).

A súa experiencia coa arpa celta é de sobra coñecida: foi membro da orquestra folk SondeSeu (dirixida por Rodrigo Romaní), coa que gravou tres álbums: Mar de Vigo, Trastempo e Barlovento. Participou en festivais como o Intercéltico de Lorient ou o Festival de Ortigueira.

No ámbito da arpa clásica salienta o seu paso pola Joven Orquesta Nacional de España, a  Xove Orquestra Sinfónica de Galicia, e pola Sinfónica de Castela e León.

Participou na gravación das bandas sonoras de películas como: Los girasoles ciegos, Pradolongo ou A casa da luz.

O seu traballo complétase, ata o momento,  con  concertos como solista, integrándose en grupos de cámara ou colaborando en diferentes formacións musicais: Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia.

Na actualidade, desenvolve o seu labor como docente na Orquestra Sinfónica de Galicia, na Escola Municipal de música folk de Vigo, no Conservatorio Mayeusis e no Centro Creativo e Musical de Moaña.

Alba realizou todo un percorrido polas orixes dun instrumento tan antigo como fermoso, que ten a súa orixe nos sons que producían as cordas do arco dos cazadores cando as tocaban. Falounos da arpa celta, da arpa barroca española, da arpa paraguaia e da arpa clásica. Explicounos como se conseguían as diferentes notas e os diferentes sons, movendo as chaves ou, no caso da arpa clásica, cos pedais.

Xa para rematar, deleitounos cunhas pezas musicais fermosísimas:  Alalá de Vilalba con Marcha procesional, Unha  noite no Santo Cristo (alborada) e Albeida (alalá). Unha alumna de 2º de ESO pechou o acto dando  lectura a uns poemas de Ana Romaní e Luz Pozo acompañada dos sons da arpa.

A delicadeza dos movementos dos seus dedos acariñando as cordas e a suavidade da música  que delas saía conseguiron emocionarnos a todas e a todos.

Texto e fotos: Beatriz Martínez Cordeiro