LETRAS GALEGAS 2018. María Victoria Moreno

María Victoria Moreno naceu en Valencia de Alcántara (Cáceres) en 1939. Foi unha estremeña circunstancial, pois nin a nai nin o pai tiñan raíces en Estremadura. Sara Márquez, malagueña, e Vicente Moreno, toledano, casaran en 1937, cando el estaba mobilizado na guerra. Ela quedou vivindo na casa dun irmán e alí naceu María Victoria. Logo dun tempo en Badaxoz, o pai foi destinado en 1943 a Segovia, onde viviron ata 1949, ano da morte de Vicente Moreno. Sara Márquez, tras rematar a excedencia que solicitara como mestra, puxo escola en Sepúlveda (Segovia) e alí foi vivir con María Victoria e os seus irmáns, Sara, Antonio e Rafael.

En 1951, grazas a unha bolsa, María Victoria marchou a Barcelona a cursar o bacharelato, interna nun colexio da Sección Feminina. Era máis vella que as compañeiras xa que, por mor da difícil situación familiar, non puidera matricularse antes e, para facer cadrar a súa idade coa delas, comezou a afirmar que nacera en 1941, e de aí vén a confusión sobre a súa idade.

En Barcelona aprendeu o catalán e o francés e descubriu a literatura ao ler por vez primeira O Quixote ou O principiño, que se habían de converter nas súas obras favoritas.

De 1958 a 1963, estudou Filosofía e Letras, sección de Filoloxía Románica, na Universidade Complutense de Madrid. Alí coñeceu a José Luis Llácer, un invidente que buscaba alguén que lese para el. Ao rematar a carreira, en 1963, casou e foi vivir con el a Pontevedra, onde Llácer fora contratado como profesor, no colexio Santiago Apóstolo da ONCE.

En 1965, despois dun tempo como profesora interina nesta cidade, aprobou as oposicións de lingua e literatura española e foi destinada ao Instituto Masculino de Lugo (hoxe IES Lucus Augusti), onde ensinaba Xesús Alonso Montero, que influiría de forma decisiva no seu compromiso con Galicia e coa lingua galega. Con el había manter unha estreita amizade toda a súa vida.

En 1967, regresa á Cidade do Lérez como profesora de literatura española no Instituto Feminino (agora IES Valle-Inclán). Na ditadura franquista non se ensinaba o galego; porén, María Victoria dedicaba parte das clases dos venres a ensinar literatura galega.

Ao longo da súa vida docente, tamén dará clases no Instituto de Vilalonga (Sanxenxo) e, finalmente, no Instituto Mixto número 5 (logo IES Gonzalo Torrente Ballester).

En 1972, gaña o II Premio O Facho polo conto Crarisca e o Luceiro e empeza a impartir cursos de galego non remunerados en Pontevedra, Vilagarcía e Ourense (organizados pola Sociedade Amigos da Cultura e polo Ateneo), un labor desinteresado que lle suporía a retirada do pasaporte en 1974.

En 1973, José Luis e mais ela inician o proceso de adopción dos seus fillos Begoña e Carlos e María Victoria publica o seu primeiro libro, Mar adiante, que inclúe o relato premiado o ano anterior e que a converte nunha das pioneiras da literatura infantil e xuvenil en galego. Tamén edita a antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega, unha compilación de textos de poetas nados despois de 1943, e abre en Pontevedra, con oito socias e socios, a libraría Xuntanza, onde se podían mercar libros prohibidos pola censura e editados fóra de España.

En 1975, recibiu o Premio O Facho con O cataventos (incluído en 1979 en Contos pra nenos, a primeira obra en galego que foi Lista de Honra do IBBY). En 1983, publicou A festa no faiado e en 1986, Leonardo e os fontaneiros, que acadaría o terceiro lugar no certame O Barco de Vapor e se convertería na súa obra favorita. Outras lecturas súas destinadas ao público máis novo son Un cachiño de bica (1994), ¿E haberá tirón de orellas? (1997), ¡Xa non teño medo! (1998) ou Eu conto, ti cantas… (2005).

Consciente da necesidade de materiais para o ensino e a lectura en galego, publicou con outros autores os libros de texto Literatura. Século XX, para COU (1985) e Literatura, 3 BUP (1987) e traduciu do catalán Mecanoscrito da segunda orixe, de Manuel de Pedrolo (1989).

Foi unha das fundadoras da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) en 1989. Tamén participou en varias campañas de lectura. O seu relato “Querida avoa” publicouse no volume Leria, dentro da Campaña de Animación á Lectura da Xunta de Galicia de 1991 e, un ano despois, formou parte da colección Contos do Castromil.

No ano 1988 a editorial Galaxia creou a colección Árbore de literatura infantil, que codirixiría durante dez anos. Neste mesmo ano saíu do prelo Anagnórise, que obtivo un enorme éxito e foi recoñecida en 1990 na Lista de Honra do IBBY.

En 1996 morreu Llácer e, ao ano seguinte, diagnosticáronlle cancro de mama, mais continuaría a impartir a docencia ata 2002.

En 1999, publicou a novela xuvenil Guedellas de seda e liño, que obtivo unha mención especial na Lista White Ravens da Biblioteca Internacional para a Mocidade de Múnic en 2002.

En 2003, casou co mariño cubano Pedro Ferriol, a quen coñecera grazas a unha carta que el lle enviara a través da editorial para gabar Leonardo e os fontaneiros. El sería un apoio indispensable para ela na última etapa de vida e creación.

En 2004, publicou Diario da luz e a sombra, un libro no que fai unha reflexión sobre a súa experiencia co cancro, a doenza que a levaría o 22 de novembro de 2005.

Ao ano seguinte saíu do prelo, de forma póstuma, Elexías de luz e, en 2009, Onde o aire non era brisa, a súa primeira novela, escrita en 1969, traducida xa ao galego por vontade súa.

Nos últimos anos da vida recibiu numerosas homenaxes; por exemplo, a dos libreiros na Feira do libro de Pontevedra, a do profesorado do IES Torrente Ballester, o último centro no que deu clase e ao que lle legou a súa colección de libros, e outras que non viviu para presenciar, como a do VII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, en 2006, ou a do colectivo feminista A Sega, que lle dedicou o Día das Galegas nas Letras en 2015.

En 2018 é a figura protagonista do Día das Letras Galegas e isto convértea na cuarta muller, tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera e María Mariño, que leva ese recoñecemento na historia da celebración.

María Victoria Moreno é a protagonista dos Contacontos que o alumnado de 1º de ESO está a preparar para presentárllelos aos máis pequenos. Durante o mes de maio visitaremos os centros adcritos de infantil e primaria, iremos ata Nigrán, ao CEIP de Mallón e achegarémonos ao hospital Álvaro Cunqueiro. Todos xuntos gozaremos con estes contadores de historias tan especiais. 

A través do Proxecta Donas de si, o alumnado de 3º de ESO realizou un traballo de investigación sobre as figuras femininas na obra de María Victoria Moreno. 

A

Consello de redacción