LETRAS GALEGAS 2015

FOT_diaadia_15052015_letrasgalegas2015_02_AlmudenaLacombaFOT_diaadia_15052015_letrasgalegas2015_03_AlmudenaLacomba

XOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE – LETRAS GALEGAS 2015

Xosé Fernando Filgueira Valverde naceu en Pontevedra en 1906. Realizou estudos de Dereito, Filosofía e Letras (alcanzando o título de doutor) e Psicoloxía nas Universidades de Santiago de Compostela e Zaragoza. En 1923 formou parte do grupo de fundadores do Seminario de Estudos Galegos, onde dirixiu a sección de Historia da Literatura. Desde ese momento e ata a súa morte, acontecida en Pontevedra en 1996, o erudito pontevedrés mantería unha grande actividade na promoción de iniciativas culturais.

     Filgueira Valverde iniciou o seu amplo labor docente en 1927 no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra. En 1935 gañou unha cátedra no Instituto Balmes de Barcelona e posteriormente exerceu en Lugo e na cidade do Lérez, da que foi alcalde. Pola súa dedicación ao ensino recibiría o alcume de “vello profesor”.

Membro numerario da Real Academia Galega desde 1942 e correspondente das Reais Academias de Historia, de Lingua e de Belas Artes de San Fernando, en 1972 foi nomeado vocal do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixiu ademais o Museo “Rosalía de Castro”, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e o Museo de Pontevedra. No bienio 1982-83 exerceu o cargo de Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.

     Na década dos trinta do século pasado foi colaborador habitual de El Pueblo Gallego e de  Logos, publicación esta última en que mantería unha sección de comentarios bibliográficos asinados co pseudónimo J. A. Para alén destes artigos, a súa obra literaria atinxe a narrativa, a poesía, o ensaio e o teatro. Así, na súa produción figuran o libro de relatos Os nenos (1925) e a semblanza O vigairo (1927); o texto teatral Agromar. Farsa pra rapaces (1936) —estreada en 1932—, de novo asinada por J. Acuña; as antoloxías Cancioneiriño de Compostela (1932) e Cancioneiriño novo de Compostela (1969), en que recolle composicións do Medioevo e etapas posteriores que fan referencia á capital galega, ou o volume de prosas literarias Quintana viva (1971).

     Porén, a maior achega de Filgueira Valverde constitúena os seus traballos no campo da investigación. Moitas destas prosas, espalladas pola prensa diaria, foron recollidas polo autor nos nove volumes editados baixo o título xenérico de Adral entre os anos 1979 e 1996. As súas achegas ao coñecemento da lírica medieval verían a luz en 1992 no libro Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1927-1987).

 OBRAS

  • A Eirexa pre-románica de Francelos
· A Paisaxe no Cancioneiro da Vaticana
· A poesía medieval galego-portuguesa fora dos seus lindeiros: conferencia pronunciada no Auditorio da Caixa de Aforros Municipal de Vigo
· A vida do beato Aparicio nas “estampas” de Pietro Bombelli (1789)
· Adral
· Agromar: farsa pra rapaces
· Álvaro Cunqueiro
· Antón Losada Diéguez
· Armando Cotarelo Valledor: 1879-1950
· Arredor do libro: artigos de bibliofilia
· Baldaquinos galegos
· Camões: comemoração do Centenário de “Os Lusíadas”
· Cancioneiriño de Compostela
· Cancioneiriño novo de Compostela
· Castelao e os estudos galegos
· Comentarios de textos contemporáneos
· Con Otero Pedrayo
· Da épica na Galicia medieval: Discurso de ingreso de Xosé Filgueira Valverde na Real  Academia Gallega e       resposta de Ramón Otero Pedrayo
· Estudios sobre lírica medieva: traballos dispersos (1925-1987)
· Francisca Herrera Garrido no arquivo do museo
· Frei Martín Sarmiento (1695-1772)
· Galicia: magos, soldados e viaxeiros
· Guía dos fondos do arquivo do museo de Pontevedra
· II Adral
· III Adral
· IV Adral. Castelao na lembranza
· IX Adral
· O Himno galego: da “Marcha do Reino de Galicia” a “Os pinos” de Veiga e Pondal
· O Vigario: ensaio simbólico, orixinal e inédito
· Os nenos
· Quintana viva
· V Adral
· VI Adral
· VII Adral
· VIII Adral

(FONTES: Galipedia, Biblioteca Virtual Galega, Real Academia Galega, Fundación Filgueira Valverde)

TEXTO: Consello de redacción da revista / FOTOS: Internet

FOT_diaadia_15052015_letrasgalegas2015_01_AlmudenaLacomba