Leandro déixanos

FOT_diaadia_20042015_Leandro_14_CarlosPaz_EDIT

Leandro entra no auditorio ovacionado e aplaudido por todos os seus alumnos e compañeiros de profesión. Neste acto demostramos o enorme agradecemento e cariño que lle temos ao  que foi, durante moitos anos, o gran Dinamizador das actividades lúdicas e culturais  e ao gran profesor de Lingua galega e literatura  do noso centro. Deixa Leandro un oco, moi difícil de encher. Sentimentos encontrados se viviron no auditorio: a ledicia ante o acto de despedida mesturouse cunha sentida e profunda tristeza ante a súa marcha.

A homenaxe comezou cunha presentación orixinal: un percorrido en imaxes dende os seus inicios no IES ata  os anos máis recentes, todas acompañadas das súas típicas “leandradas” (expresións e bromas de Leandro) e encabezadas por un título ben significativo: “As homenaxes son fáciles de obter, pero difíciles de  merecer”.

A continuación, os profesores entregaron un “kit de xubilación”, á vez que ían falando en inglés, francés, latín e grego. A súa titoría entregoulle unha foto de toda a clase, para que o profesor lembrase con todo luxo de detalles a súa época no centro, acompañada dun vídeo onde se recollían as máis típicas “leandradas”.

Na homenaxe tamén participou o grupo de teatro  facendo unha representación en honra ao profesor. Seguidamente, un alumno saíu acompañado da súa gaita e tocou o antigo himno de Galicia, interpretado nas cerimonias máis excepcionais. Despois, todo o auditorio cantou a coro o vilancico latino “Adeste Fideles”, co que Leandro nos agasallaba cada Nadal.

Como remate ao acto, o profesor agradeceu a homenaxe  cun discurso moi sentido: “Nunca o pasei tan ben e tan mal ao mesmo tempo” e “Vós sodes a razón da nosa profesión”.

Os alumnos e profesores abandonaron o auditorio realmente emocionados ante a despedida dun profesor tan significado no noso centro.

[wzslider height=”500″ transition=”‘slide'” lightbox=”true”]                                                    

Tags: