Varias alumnas do noso IES en InvestigArte

Por incrible que pareza, ciencia e arte teñen máis elementos comúns que diverxentes. Aínda que perseguen obxectivos dispares, ambas as dúas esixen calidades e formulacións similares e dalgunha forma recíprocas.

Ambas as dúas baséanse na experimentación, a observación e a busca de novas ideas que rompan co anterior abrindo novas fronteiras. Non esaxeramos se dicimos que a arte necesitou moita ciencia para conseguir -por medio de diferentes técnicas e tecnoloxías- producir ou reproducir paisaxes, retratos, ilusións, sensacións… Á súa vez, a ciencia necesitou de moita creatividade e imaxinación para buscar a solución a problemas aparentemente irresolubles así como para desenvolver experimentos cos que testar novas ideas.

O coñecemento da anatomía humana e as proporcións foi fundamental para dar lugar a obras como o David ou a Monalisa. Imaxinar que o home podería pór o pé na lúa -dalgunha forma- foi o primeiro paso para facer que isto fose posible. Ciencia e arte poden chegar a ter principios comúns como poden ser a proporción áurea ou a secuencia de Fibonacci.

O obxectivo de investigarte é precisamente este,: indagar nos puntos comúns de ciencia e arte e dalos a coñecer aos interesados en ambas disciplinas. Aixa, Ana López e Sira de 1º ESO C e Claudia, Julia e Ruth de 2º ESO C presentaron as súas obras neste certame que pretende espertar entre o alumnado vocacións científicas dando unha visión artística da ciencia.

As cores da batrimetría. Traballo de Claudia Álvarez de 2º de ESO C

No seguinte enlace podedes ver as ilustracións e votar a que máis vos guste activando o corazón baixo a imaxe, na parte esquerda.

 

Texto: Elena Álvarez