Fomentando o galego

Para fomentar o galego, estanse a facer varias actividades, como charlas ou campañas, no Carlos Casares. O alumnado do centro recibiu a visita de Xian, un antigo alumno deste centro que forma parte do equipo de Dinamización da EOI de Vigo. Veu impartir unha charla para fomentar o uso do galego e eliminar os prexuízos ademais de darnos a coñecer as vantaxas que tiña aprendelo …

Esta amena charla comezou con algunas preguntas, como por exemplo: se falabamos galego na nosa casa?, ou se respondiamos en galego a alguén que nos falaba en castelán?

Despois destas breves preguntas, Xian propuxo un Kahoot, unha aplicación na que varias persoas en diferentes dispositivos xogan a contestar un conxunto de preguntas con opcións múltiples. Canto máis rápido se conteste e cantas máis preguntas se teñan ben, máis puntuación se obtén. Neste caso, as preguntas trataban sobre o galego. Todos colleron os seus móbiles, ou os ordenadores da aula, e comezaron a xogar por parellas. Algunhas das preguntas eran as seguintes: O galego é un dialecto ou un idioma?  Ter galego normativo é… Ter asignaturas en galego é… O galego é un idioma de… Según ían respondendo ás preguntas, Xian ía explicando e xustificando as respostas. Desta maneira, tocáronse varios puntos, como o prexuízo de que o galego é un idioma de aldeas ou de anciáns, ou os pensamentos que tiña algunha xente de que as persoas que falaban galego eran independentistas, algo incorrecto, ou tamén das vantaxas que tiña saber outra lingua, ou de que cun xeito moi simple podes fomentar o galego, por exemplo poñendo o idioma do móbil en galego, ou poñerlle aos nomes das empresas nomes en galego, etc.

Ao rematar a charla, os alumnos/as que asisten á revista aprenderon moitas cousas, entre elas que o galego ten que seguir sendo unha lingua viva.

Irene Jardón Castro, 2ºC