De volta por Londres

Coma todos os anos, o noso instituto organizou unha excursión de fin de etapa para todos os alumnos de 4º de ESO. A viaxe tivo lugar en marzo, entre o domingo 18 e o venres 23 de madrugada, e o seu destino foi a cidade de Londres. Nesta ocasión os alumnos, corenta e tres, foron acompañados polas profesoras Marisol, Fini e Mery, as mesmas do curso anterior.

O primeiro día que estiveron en Londres nevou, polo que as profesoras dixéronlles que tiñan a xornada libre e decidiron pasear polas rúas londinenses e explorar a zona.

O seguinte día foron á Torre e ao Tower Bridge, e fixeron moitas fotografías aproveitando as vistas; ademais, tamén pasearon pola ribeira do Támese, visitaron a Casa do concello, subiron á London Eye, onde tiveron unha experiencia 4D sobre a historia de Londres, e achegáronse ata a praza de Picadilly Circus, onde lles botaron escuma por enriba, polo que chegaron ao hotel moi mollados.

O martes foi o día das Casas do Parlamento e o Big Ben, da abadía de Westminster, do palacio de Buckingham, de St. James’s Park, da National Gallery e dos barrios de Covent Garden, o Soho e Chinatown, onde tiveron a oportunidade de mercar larpeiradas xaponesas que comeron todo o día.

O día 21, mércores, estiveron no Natural History Museum, camiñaron por Knightsbridge, o barrio máis caro e elegante de Londres, onde están os almacéns Harrods, e foron ao gran mercado de Camden Town; aquí decidiron comprar souvenirs para non esquecer nunca a viaxe.

O xoves tiveron que volver, así que só deron un pequeno paseo, foron ata o aeroporto e colleron o avión para regresar a Vigo. Chegaron ao redor das 4.00 horas da madrugada.

O alumnado relata que a experiencia foi divertida, que o pasaron ben e que lles gustou moito Londres, sobre todo, as horas libres que puideron aproveitar para explorar libremente a cidade. Aprenderon moitas cousas da cultura londinense e tamén a non deixar as billas abertas, porque se enchoupa a habitación. A algúns gustaríalles repetir. Foi unha viaxe entretida e didáctica, na que todos riron, aprenderon e gozaron.

29425679_1459226974203798_2193105881539805184_n

29389436_1459226854203810_4815193014999711744_n (1) 29469019_1459227024203793_1250439235278733312_n

Carlos Denis Durán (3º C)

Tags: ×