Excursión a Madrid do alumnado de 1º de bacharelato

FOT_díaadía_07042015_excursiónMadrid_01_AlmudenaLacomba_EDIT

O 7 de abril, os alumnos de 1º de Bacharelato fomos de viaxe unha semana a Madrid, pasando por Segovia e Salamanca.

O primeiro día erguémonos moi cedo e collemos un autobús dirección Segovia. No traxecto tivemos tempo para descansar e sobre todo para divertirnos. Despois de comer visitamos a cidade de Segovia, pasando polo seu tan coñecido acueduto e a súa catedral, entre outros lugares. Na miña opinión Segovia é unha cidade moi fermosa, moi cómoda para visitar tranquilamente nun único día. Máis tarde seguimos o noso camiño cara a Madrid. Ao chegar ao hotel distribuímos os cuartos,  estaban bastante ben, e decatámonos da boa situación  que tiña. Cando rematamos de cear  fomos a dar un paseo polo centro de Madrid, pasando pola praza de Callao e a Porta do Sol.

 

Á mañá seguinte espertamos moi cansos pero con ganas de seguir. En canto rematamos de almorzar continuamos o noso camiño a pé cara  ao Museo Thyssen. No noso percorrido pasamos por Cibeles e Neptuno. Este museo tivo partes que nos gustaron moito. A continuación, visitamos o Museo Reina Sofía, onde vimos algún cadro moi coñecido como O Guernica, pintado por Pablo Picasso: sorprendeunos polo seu gran tamaño e  por outros aspectos significativos. Pola tarde fomos ata o Matadero,  na ribeira do Manzanares. Non estiven moito tempo no Matadero: uns cantos compañeiros alugamos unhas bicicletas e fomos coñecer esa zona. Ese lugar está moi ben recuperado, pois nos anos oitenta estaba cheo de fábricas e o Manzanares era un vertedoiro. Ao remate  desta visita, volvemos ao hotel.

 

O terceiro día puidemos durmir un pouco máis. Logo do almorzo, o  primeiro que fixemos foi subir ao metro en dirección ao Museo do Prado. Tivemos case toda a mañá para visitalo e foi sen dúbida, o mellor museo que viramos ata o momento. As obras de arte resultáronnos moi coñecidas e visitalo resultou  moi cómodo. Ao sair fomos ata a praza de Colón, por onde comemos. Pola tarde, o primeiro que fixemos foi visitar o museo Arqueolóxico -esta visita non resultou, na miña opinión, tan interesante coma o Prado. Ao finalizar , un pequeno grupo de alumnos e alumnas foron ao Bernabeu, os demais puidemos estar no hotel e dar unha volta polo centro, ir de  tendas. Ao remate da xornada xuntámonos no hotel.

 

O cuarto día fomos ao parque de atraccións de Madrid. Estivemos alí todo o día e puidemos subir en todas as atraccións. A verdade é que o pasamos xenial e o tempo acompañounos. Sobre as sete da tarde volvemos para o hotel e preparámonos para a noite que nos esperaba: case todos foron ver a obra El rey león, un musical. O resto fomos ver con Teresa unhas obras de teatro de curta duración. Os que foron a El rey león comentaron  que foi unha gran experiencia, e os que fomos ao teatro alternativo saímos cun gran sabor de boca e con ganas de repetir. Despois dunha noite de espectáculos estivemos paseando por Chueca e Malasaña, e logo volvemos ao hotel.

Espertamos o último día con pena porque a viaxe chegaba ao seu fin. Emprendemos a viaxe en autobús, dirección Salamanca. Cando chegamos demos unha volta e coñecemos a cidade. Pareceume unha cidade moi bonita e tranquila. Logo xantamos pola zona e, finalmente, volvemos a Vigo.

 

Levabamos  empo moi ilusionados coa viaxe, encantounos a todos, ninguén vai esquecer  esta experiencia. Oxalá se volvese  repetir.

[wzslider transition=”‘slide'”]

Grazas a Almudena e a Teresa por ser tan boas profesoras e acompañarnos nesta viaxe inolvidable.

 

TEXTO: Isaac Villar \ FOTOS: Almudena Lacomba