Domando robots

Domando robots!!!

Pois iso foi o que fixemos os alumnos e alumnas  de 4º da ESO de Tecnoloxía o pasado mércores 20 de maio ao participar no Obradoiro Galego de Robótica da Fundación Barrié en Vigo, compartindo a sesión co alumnado do CPI Virxe dos Remedios de Castro Caldelas.

O noso obxectivo? Mergullarnos  nos coñecementos da programación e achegarnos un pouco máis ao mundo da robótica da man dos Lego Mindstorm e o seu software de programación. Tivemos a sorte de posuír coñecementos previos polo que fomos con vantaxe .

Durante a primeira hora asistimos a unha presentación sobre os conceptos básicos da programación. Despois desta parte teórica comenzou por fin a práctica. por grupos estivemos cun monitor que nos amosou máis de cerca como funcionaba o programa no ordenador e nos preparou de cara aos retos que iamos ter que superar na seguinte hora.

Agora chegaba o momento de amosar todo o aprendido e demostrar a capacidades do IES Carlos Casares, que podíamos ser os mellores. Divididos en dous grupos comezamos a superar os retos que nos plantexaban un por un, sen dubida a mellor parte do día. Conseguimos facer que o robot LEGO se movese o noso antoxo, respondendo os estímulos que se lle daban: son, luz… un dos nosos grupos foi o que máis retos superou, acandando a maior puntuación. ainda que non houbo premio, levamos un bo recordo da experiencia.

Texto: Inés Bello Modia. Fotografía: Fernando Fuentes