Cando un xoguete é unha pelota de papel,
un tesouro é un río onde se lavar,
unha virtude é non pensar en máis nada que en apañar legumes,
unha drenaxe son os labirintos creados polas toupeiras,
unha cama é estar tombado baixo a sombra dunha árbore,
un pixama é estar espido,
unha ilusión é coidar dun pequeno rabaño de ovellas,
un regalo é aleitar un fillo,
un poema é ver as nubes entrelazándose e recreando unha fermosa
fábula,
unha suite é unha hamaca entre dúas palmeiras,
unha sorpresa é ver os gatiños naceren,
un almorzo é o zume dun coco,
unha alborada é sentir os paxariños a chiar,
un espello é verse reflectido nunha lagoa onde pescar e nadar,
cando un vehículo é un burro pequeneiro,
unha festa é ver caer a chuvia e bailar baixo dela,
uns zapatos é andar cos pés na terra,
un gabán é a pel dun mesmo,
unha lamentación é un sorriso,
cando a sabedoría é ignorar o outro mundo,
e unha praia é un paraíso,
cando un deus é o sol ou a lúa ou unhas sabias palabras do máis ancián,
e un romance é puro e humilde,
unha casa son pólas e ladrillos de barro.
Un lugar afastado,
alí onde con tan pouco xa o teñen todo.
Texto: Jesús Delores
In memoriam de Leopoldo González, irmán do poeta e profesor do noso centro.