Día das Artes Galegas

O día 1 de abril, celébrase o Día das Artes Galegas. Cada ano conmemórase un ou una artista galega, recordando a súa vida e a súa obra. Este ano, o homenaxeado é Luís Seoane, un teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante e pintor.

Naceu en Bos Aires no ano 1910, era fillo de emigrantes galegos, anos despois, volveu á Coruña cos seus pais. Trasladouse a Santiago, onde se graduou en Dereito e Ciencias Sociais, ilustrou libros e revistas e realizou as súas primeiras exposicións. Regresou á Coruña e ingresou no Partido Galeguista. Cando se iniciou a Guerra Civil, exiliouse en Bos Aires e en 1937 publicou o seu primeiro libro.

A obra de Seoane é unha simbiose entre o afán por evocar a arte tradicional de Galicia, manifestado a través dos petróglifos e da enorme presenza do románico, e a arte das vangardas históricas, admiradas polo pintor galego xa desde a súa etapa como estudante de dereito en Compostela. Foi autodidacta na súa aprendizaxe plástica, e a súa curiosidade e admiración pola Galicia dos seus antepasados e pola arte en xeral foron os motores do seu coñecemento.

Para homenaxealo, o alumnado de 1º de ESO profunda na figura deste artista multidisciplinar que explorou o camiño da arte desde numerosas perspectivas, pero que sobre todo foi un gran impulsor da cultura galega.
Así, a obra plástica de Luís Seoane, marcada pola intensidade de cor e formas rotundas, foi o pretexto para traballar conceptos básicos da cor cos nosos pequenos e pequenas. Mergullámonos no universo Seoane para coñecer como manexa o cromatismo e a xeometría nas súas composicións e entender como evolucionou a súa obra desde o máis figurativo ata a abstracción dos planos de cor e a autonomía das liñas no noso centro, todos os alumnos de 1º da ESO pintaron desde unha perspectiva persoal algún dos seus cadros.