Día da ciencia en galego

 

Co gallo da celebración do Día da Ciencia en Galego, o alumnado de 1º de ESO A tivo a oportunidade de observar como o alumnado de 3º de ESO B realizaba unha serie de experimentos no laboratorio de química do instituto. Os experimentos consistían en observar as diversas reaccións químicas que se producen ao xuntar diferentes elementos. De entre todos eles, os que máis nos chamaron a atención son os que a continuación vou detallar.

Un dos momentos máis interesantes produciuse cunha explosión controlada que resultou da mestura dos seguintes elementos: dióxido de carbono, colorante e vinagre.

Outra demostración sorprendente consistiu na queima dunha cinta de magnesio cun chisqueiro, causando unha chama luminosa de cor branca e obtendo unhas cinzas que dan como resultado óxido de magnesio.

E para rematar, o momento máis divertido foi cando fixeron unha lámpada de lava caseira, que, para os máis aforradores, será moi útil. Por se alguén a necesita, velaquí a explicación: necesitaremos auga, colorante e aceite (para os máis exquisitos que sexa virxe extra) e un comprimido efervescente (eses que tanto nos gustan cando estamos arrefriados). Introducimos todo, seguindo a orde anterior e mesturámos todos os compoñentes descritos.  Agardamos un intre e… maxia!, xa podemos gozar da nosa relaxante lámpada caseira.

E así demos por concluído o noso Día da Ciencia en Galego, agardando vindeiras conmemoracións para ver os que nos ensinan os maiores do instituto.

Saúl Costa.