Daniel Rodríguez: “Ligar? Sempre hai tempo para todo”

 

Sobre rodas dende que ten dous anos, Daniel Rodríguez xa apuntaba maneiras de campión e os seus recentes trofeos na Copa Galega e de España demóstrano. Comezou a competir cando tiña apenas seis anos. Compaxina a súa paixón pola bicicleta cos estudos no IES Carlos Casares de Vigo, onde cursa 1º de Bacharelato.

De pequeno a que querías dedicarte?

Sempre quixen dedicarme ao ciclismo e nada mudou, neste momento tamén.

Tiveches apoio da túa familia para seguir adiante co ciclismo?

Si, de feito foron eles os que quixeron que entrase no equipo de Vigo, e sempre me apoiaron nos cambios de equipos que fixen.

Principalmente quen?

O meu avó que foi o que me ensinou a andar na bici, os meus pais e a miña irmá que sempre me apoiou moito.

Que sentiches na túa primeira carreira?

Que non era o meu, porque non me saíu nada ben, pero despois xa empezei a andar decentemente e xa me fun enganchando.

-Cales foron os teus mellores logros neste deporte?

Os campionatos de España e os Galegos … Principalmente os que gañei … Hai algunhas carreiras nas que non gañei e aínda así sentinme máis orgulloso que noutras que si gañei.

-Cal foi a túa peor caída?

Foi precisamente o mes pasado, na primeira etapa da volta a Asturias. Nunha baixada estreita e  perigosa esvarei no musgo e rompín a bici e a equipaxe, manquei os cóbados, a cadeira, o nocello … todo.

-Como soubeches que vas facer as probas para un grande equipo como é o de Contador?

Dixéronmo os meus pais e o meu antigo adestrador, un ex-ciclista profesional.

-Sabemos que eres campión de ciclismo en Galicia e subcampión de España. Como viviches eses momentos de cruzar a meta, recoller os premios…?

Pois… o campionato de España foi antes que o de Galicia e cando crucei a meta non acababa e crelo. Custoume un pouco asimilalo ao principio xa que sabía que estaba competindo cos mellores ciclistas de España. No de Galicia xa me resultou máis doado de asimilar a victoria, xa que foi despois dunha moi boa racha.

-A túa familia estaría moi orgullosa, non?

Claro, estaban alí. Os meus pais berrando!

-Algunha vez pensaches que ías chegar tan lonxe?

O campionato de Galicia é algo que sempre queres conseguir, é un gran recoñecemento.  Pero o de España xa é algo moitísimo máis importante e non esperas tanto. E estar no equipo de Contador foi moi emocionante, sempre quixen estar nel.

-Estás orgulloso de todo o que lograches?

Si, pero aínda me queda moito por conseguir. Isto non é nada.

-Cantas horas adestras á semana?

Adestro todos os días menos os luns, xa que teño clases pola tarde. Aínda así, hai luns que me dá tempo a saír un pouco a andar en bici ou a practicar na casa. Normalmente adestro entre dúas e tres horas ao día, aínda que hai algúns días que chego a adestrar cinco horas.

-E o ciclismo non che quita tempo de estudo?

Si. Hai fins de semana que sei que á seguinte semana teño exames, pero estou tan canso que chego á casa e quedo durmido. Ao final, acabo facéndoo todo o último día.

-Algunha vez pensaches en deixar os estudos polo ciclismo?

Non. Quero acabar o Bacharelato, pero a carreira xa vai ser máis difícil compaxinala. Aínda así, sempre hai que intentar sacala adiante, porque podes ter unha caída grave e ter que deixar o ciclismo. Por iso é mellor ter sempre outra saída asegurada.

-Con tanto ciclismo tes tempo para o ligoteo?

Sempre hai tempo para todo (risas).

-Gústache a equipaxe de ciclismo? Non é moi axustada?

Si, gústame. Normalmente os ciclistas preferimos ir apretados para evitar roces.

-Tes algunha anécdota de ciclismo?

Agora mesmo non me acordo de ningunha pero todos os logros, adestramentos ou pequenos detalles márcante para toda a vida. Acórdome dunha vez que caín e os meus pais tiveron que axudarme a vestirme, a montarme na bici… as feridas molestábanme moito. Aínda así, no adestramento e na carreira esquecín as dores. Cando compites, no que te centras é na carreira e non nas feridas, por sorte!.

Texto: Lara e Sara. Foto: Faro de Vigo