Dá unha volta por CULTURGAL

 

Culturgal-2015-de-Pontevedra

Culturgal é a feira das industrias culturais. Está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Manuel Bragado e constituída en 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrancara de maneira exitosa en 2007. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da AGADIC e da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Concello de Pontevedra, e coa colaboración de diversas entidades e empresas.

Celébrase os días 4, 5, e 6 de decembro de 2015 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Nas datas habituais e, como non pode ser doutra forma, o mesmo espazo no que ao redor de 15.000 persoas se dan cita anualmente na Feira das Industrias Culturais.

Unha oitava edición do Culturgal para facer da cidade de Pontevedra un lugar de encontro confortable, eficiente e novidoso con centos de liñas cruzadas entre públicos, expositores, creación, difusión, institucións, participación, venda, distribución, formación… Tres días de referencia para todas as persoas que fan parte diaria da actividade cultural en Galicia e grazas ás que a Feira reborda de contidos, entusiasmo e orgullo colectivo.

Palabra e comunicación. Unha nova distribución dos espazos e casetas no recinto así como a reformulación da circulación do público incidirán nese obxectivo: mellorar a experiencia de públicos e creadores coa palabra en todo o recinto. No programa de actividades, cunha convocatoria a todo o sector que se abrirá antes do verán, a palabra, como marca do Culturgal 2015, será protagonista en todas as súas expresións: escrita, falada, declamada, cantada, a palabra nos libros, na música, no cine, palabra para o debate, na internet, na formación, etc.

Tags: ×