Club de Ciencias, día 2: iodo e almidón, unha amizade azul

Puidemos ver como reaccionan o iodo e o almidón, para así detectar este último no xamón cocido.

Nesta ocasión, xa nos adentramos no mundo da nutrición. Sabemos realmente cales son os alimentos que conteñen almidón? Pero antes de todo, que é isto? Resulta que o almidón é unha molécula que forma parte dos glícidos, un tipo de biomoléculas que aportan moita enerxía ao organismo, que a utiliza ou a almacena. En resume, os glícidos son o que normalmente coñecemos como hidratos de carbono.

Almidón no microscopio

O almidón podémolo atopar soamente nas plantas, xa que é a substacia pola que estas almacenan o seu alimento nas raíces, tubérculos, froitas e sementes. Así, algúns alimentos nos que temos almidón son as patacas, a avea, a cebada, o millo, a pasta, o pan…

Antigamente, utilizábase para “almidonar” a roupa e que quedase tersa. Ademais, é moi usado na industria alimentaria como aditivo. Aquí é cando comeza o problema, posto que moitas veces non estamos ben informados da súa presenza nos alimentos. Sabiades que nalgúns embutidos, normalmente de baixa calidade, hai almidón? Desta forma, lógrase que o produto teña máis consistencia.

Comezan os experimentos!

Entón, antes de todo, fixemos por parellas unha pequena reacción. Nesta, colliamos coa pipeta un pouco de almidón disolto e metíamolo nun tubo de ensaio, no que tamén engadimos unhas gotas de Betadine (xa que contén iodo). Estas dúas substancias reaccionan de tal forma que a mestura ten unha vistosa cor azul.

Tubo de ensaio coa reacción entre o iodo e o almidón

Agora que sabiamos como identificar o almidón, Mari amosounos dous paquetes de xamón cocido. Cada parella colleu unha porción de xamón dalgún dos dous paquetes. A continuación, “machucaríamos” a porción nun morteiro ata que quedase unha especie de masa bastante uniforme, para despois engadirlle unhas pingas de Betadine.

Lembrades que dixemos que moitas veces o almidón se utiliza ao facer embutidos? Este experimento trataba diso; un dos paquetes de xamón cocido ten bastante almidón e o outro non, e nós tiñamos que averiguar cal era cal mediante a reacción con almidón e iodo. Desta forma, o xamón machucado tornaríase azul ao botarlle iodo se contaba co almidón.

Conclusión!

Cando puidemos chegar á conclusión de cal dos dous xamóns era o que contiña este glícido, lemos a composición de cada un para comprobalo. Nos ingredientes dun dos paquetes aparecía o almidón e unha porcentaxe non moi alta de xamón, polo que poderíase por en dúbida a “carta de presentación” do produto. Aínda que no nome non puña específicamente que o que estabas a mercar era xamón cocido (xa que non se podería con tan pouca cantidade), a maquetación da portada, cun porco debuxado, lévanos a pensar que, efectivamente, o que mercamos é un embutido de calidade, é dicir, coa suficiente cantidade de xamón como para poder ser tratado como tal. Ademais, para poder saber que leva almidón temos que ler os ingredientes, situados na parte de atrás do paquete e cunha letra minúscula.

Desta forma, aprendemos que é mellor ler os ingredientes e non fiarse sempre das apariencias!

Apetécevos un pouquiño de porco azul?

Irene Jardón Castro, 1ºC bach.

Artigos recomendados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará