Club de Ciencias, día 5: cultivando bacterias

Neste día, con Placas Petri e cun pouco de Avecrem, fixemos un medio de cultivo para bacterias.

Hoxe traballamos con Conchi sobre a vida que non podemos distinguir a simple vista, pero que constitúe unha parte moi importante do noso mundo: os microbios.

Así, dirixímonos cara ao laboratorio e dividímonos por grupos de tres para facer un medio de cultivo. Antes de todo, Conchi amosounos algunhas Placas Petri que xa tiñan colonias de bacterias. Tivémolas que ver dende fóra, xa que se abrimos as placas as mostras poderíanse contaminar facilmente.

Entón, comezamos o noso experimento. O obxectivo é facer un líquido que colocaremos nas Placas Petri e que ao pouco tempo solidificará. Este servirá como alimento para que as células poidan prosperar.

Placa Petri coa mestura.

Como facer o líquido?

Esperando a que haxan burbullas…

Polo tanto, collemos un vaso de precipitados e recheámolo de auga, uns 120ml. Despois, disolvemos uns 1’8 g de ágar (para que solidifique) e 1/4 de pastilla de Avecrem; si, as do anuncio ese que di: “es más soso que un arroz fervido sen Avecrem“. Despois de mesturar un pouco todo coa varilla de vidrio, dirixímonos ao Encendedor Bunsen e prendémolo. Para facelo, basta con xirar unha rosca para que se libere gas e poder ter chama ao acender un chisqueiro preto deste. A continuación, colocamos enriba do encendedor o vaso de precipitados coa nosa mestura e esperamos ata que comece a ferver. Mentes quenta, continuamos a remexer coa varilla ata que a pastilla de Avecrem estea completamente disolta. Quizais isto nos leve uns dez minutos. Cando as burbullas comecen a aparecer, esperamos un pouco e apagamos o encendedor. Como o vaso de precipitados está moi quente, temos que agaradar un pouco para poder collelo.

Unha vez que o vaso de precipitados arrefríe, vertemos a nosa mestura nas Placas Petri; pero temos que facelo dunha forma especial para non contaminalas. Así, precisamos de novo do noso Encendedor Bunsen, pois teremos que colocalo entre nós e a Placa Petri. O encendedor ten que quedar prendido mentres nós vertemos o líquido. Desta forma, gran parte dos organismos que nós exhalemos que ousen contaminar o noso cultivo rematarán no lume. Neste vídeo podedes ver como se fai:

Agora… a recoller bacterias!

Unha vez solidificada a nosa mestura, escollemos de que queriamos facer o noso cultivo de bacterias e as “recolectamos”. Para iso, debiamos pasar un bastonciño por enriba da superficie que quixésemos: dende o noso teléfono móbil ata a papeleira. Despois, tiñamos que abrir a nosa Placa Petri (canto menos tempo estean abertas mellor), e rozar delicadamente o bastonciño pola mestura xa solidificada. Así, as bacterias que quedaron no bastonciño pasarían á placa. Ademais, tamén pasamos as nosas mans por dúas placas; unha vez antes e outra despois de botar xel hidroalcólico nas mans. Así poderemos ver a efectividade deste, segundo a cantidade de bacterias que crezan nunha placa ou noutra.

Algunhas placas nas que botamos a mestura non se utilizaron, polo que quedaron coma unha mostra que amosa se os nosos cultivos son válidos ou non. Desta forma, se nestas placas crecen bacterias, quere dicir que están contaminadas (xa que no inicio non lles introducimos ningunhas), polo que é posible que o resto o estean tamén.

Finalmente, puxémoslles ás Placas Petri cun rotulador o noso nome e o lugar no que collemos as mostras, e metémolas nunha especie de incubadora, que manterá a temperatura adecuada para que as bacterias poidan prosperar.

Este día resultou moi intersante, e estamos impacientes por ver como creceron as nosas bacterias.

Irene Jardón Castro, 1ºC bach.

Artigos recomendados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará