Club de Ciencias, día 3: un circuíto cheo de luz!

Esta vez, creamos uns circuítos en Protoboards para así obter luces de todas as cores.

Neste día, Fernando e Almudena estiveron no club para poder facer algo científico, pero sen laboratorio: un circuíto.

Ao comezar, tomamos asento nunha das aulas de informática e atendemos a unha explicación teórica. Aquí, tratamos o que son os píxeles (unidade básica dunha imaxe en dixital), a resolución dunha pantalla (indicadora da cantidade de píxeles que é capaz de mostrar unha pantalla)… Ademais, déronnos un cristal que aumentaba o que viamos e que, ao poñelo preto da pantalla dos ordenadores, permitiunos ver as luces de cor vermello, azul e verde que forman os píxeles, dándolle así color á pantalla. Dependendo da intensidade coa que brille cada unha, obteremos unha cor ou outra.

Versión física do circuíto

Pre-práctica de circuítos no internet

Despois entramos nunha páxina web na que un pode montar o seu propio circuíto. Nela, creamos distintos tipos de circuítos cos seguintes compoñentes: unha Protoboard, a cal é unha placa utilizada para crear circuítos, na que temos uns buracos conectados entre eles polos que introducimos os diferentes compoñentes; resistencias, as cales opóñense ao paso da corrente eléctrica e regulan a intensidade da mesma; tres diodos LED (vermello, verde e azul), compoñentes de dous terminais que funcionan como un diodo normal pero emitindo luz; cables con extremos que se poden introducir polos buracos da Protoboard; o potenciómetro, utilizado para controlar a cantidade de corrente que queremos que pase; e pilas, como xeradores.

O que tentabamos facer neste circuíto dixital era que os diodos iluminasen. Para isto, tiñamos que conectar os cables e os compoñentes na Protoboard. Como os diodos poden queimarse e estropearse se pasa moita corrente por eles, temos que por unha resistencia detrás de cada un para limitala. Ademais, detrás da resistencia debemos colocar os potenciómetros para poder controlar a corrente que pasará por cada un dos diodos e variar a intensidade na que cada un deles ilumina.

Agora, circuítos na vida real!

Unha vez realizadas as prácticas na páxina web, baixamos a unha das aulas de informática para poñer en práctica o que fixeramos no internet con compoñentes que podemos tocar.

Dividímonos por parellas e a cada unha lle tocou unha caixa co material preciso. Seguindo uns esquemas proxectados na aula, fixemos os seguintes circuítos:

Vídeo e breve explicación do circuíto

Como podedes ver, en todos os circuítos temos unha especie de bóla enriba dos diodos. Isto é para que, dependendo da intensidade coa que brille cada un dos diodos, poidamos ver unha cor como resultado da “mestura” das outras luces, e non a cor individual de cada diodo. Así, puidemos comprender mellor como funcionan os píxeles. Lembrades que dixemos que estes estaban compostos de tres luces (vermella, azul e verde), as cales lle daban cor á pantalla dependendo da intensidade coa que iluminaba cada unha delas? Pois o obxectivo do circuíto é o mesmo, pero a escala maior.

Resultou moi interesante aprender un pouco máis sobre as pantallas que tanto usamos, ademais de facer o noso propio circuíto.

Irene Jardón Castro, 1ºB bach.

Artigos recomendados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará