Ser ou non ser enxeñeiro/a?

O mércores 23 de maio os alumnos e alumnas de 3º de ESO asistimos no Salón de Actos a unha charla da directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, Natalia Capirrini. Xa sabemos que non o creredes, pero… 3º C tamén participou.

Ao empezar, Natalia presentouse e comentou que tiña un grao universitario e un doutorado en Ciencias Xeolóxicas, que dende hai xa varios anos dá clases na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía, que desenvolveu diferentes proxectos de investigación e que ademais ocupou diferentes cargos de xestión dentro da escola.

Despois, a nosa invitada explicounos cales son as enxeñarías que se poden estudar neste momento na Universidade de Vigo nos seus Campus de Vigo, Pontevedra e Ourense. Grazas á información que nos aportou, sabemos que son as seguintes:

  • Campus de Vigo: Enxeñaría Industrial, Enxeñaría de Telecomunicación, e Enxeñaría de Minas e Enerxía.
  • Campus de Ourense: Enxeñería Aeronáutica e do Espazo, e Enxeñería Informática.
  • Campus de Pontevedra: Enxeñaría Forestal.

Tamén aprendemos como se organiza o plan de estudos dunha enxeñaría e cantos anos se tarda en realizala: catro anos de grao universitario (obrigatorio), dous anos de máster (recomendable) e tres anos de doutoramento (optativo).

O seguinte tema que tratou foi a escaseza de mulleres nas enxeñarías. Explicounos que os ingresos na Universidade son máis ou menos dun 50 % de mulleres e o outro 50 % de homes, mais a matriculación das mulleres nas enxeñerías é moi escasa fronte á dos homes. Puidemos ver varias gráficas que apoiaban o seu argumento e apreciar a verdade das súas palabras. Preguntounos por que criamos que as mulleres non ían ás enxeñarías e a verdade é que nos deixou sen resposta, non sabiamos que dicir. Entón falounos dalgunhas falsas crenzas e estereotipos que se adoitan empregar para tratar de explicar esta situación; unha delas foi a de que non hai moitas mulleres importantes na historia que foran enxeñeiras ou, polo menos, que non se coñecían moitas.

Para rematar a charla, animou as mozas que había no salón a cursar unha enxeñaría, explicando que estas teñen moitas saídas; díxonos que as empresas contratan moitísimos enxeñeiros nada mais rematar a carreira universitaria, xa que este sector está especialmente en constante auxe.

IMG-20180523-WA0024

Manuel Trincado e Kevin Pérez (3º C de ESO)