Charla sobre as Bonitas de Sande

O luns 6, o alumnado de 2ºESO tivo unha charla sobre as Bonitas de Sande. Antes de nos explicar como era o entroido en Sande, un compañeiro e unha compañeira explicáronnos que a actividade estaba relacionada con Antón Fraguas, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, porque el foi un dos primeiros que se preocupou en recoller o entroido como unha mostra da cultura tradicional.

As Bonitas, son o personaxe protagonista do entroido de Sande no concello de Cartelle, en Ourense. Hai algúns anos perdérase, pero a localidade logrou recuperalas, reunindo información da xente maior da aldea para facerse unha idea de como era o disfrace. A parte destes, tamén hai máis personaxes: o Oso , a Vaca e o Meco.

O disfrace do Oso fai a súa aparición o sábado de entroido, día no que se vai “á procura” del que vive n monte. Tamén aparece o martes. O disfrace está feito, en parte, por la de ovella.

O martes aparece a Vaca que corre e vai asustando á xente e ese mesmo día quéimase o Meco.

As Bonitas, son os personaxes principais. Levan unha máscara de arame cunha cara pintada. Na cabeza, levan un sombreiro cunha especie de armazón de madeira, recuberto de teas de cores. No sombreiro levan tamén plumas de galiña na parte de arriba. O traxe consta dunha camisa branca, ao igual que o pantalón. Tamén levan unha gravata vermella. Por encima, visten un mantón de manila. Na parte de abaixo do corpo, levan unha especie de falda, cunha tea parecida ás das colchas. Por outra parte, nos pés poñen uns zapatos negros, e nas pernas unhas polainas da mesma cor con cascabeles. Para rematar, no sombreiro engádenselle unhas cintas de cores colgando, e na man levan un vergallo, normalmente de vimbio.

Respeto á súa orixe, os veciños din que a máscara é dos anos posteriores á guerra de Filipinas (1898). Tamén outras partes do disfrace, coma os mantóns, proviñan de Mania, de época da guerra de Filipinas. O nome vénlles porque a xente dicíalles que eran bonitas polas pezas de roupa que levaban, e entón quedaron con ese nome.

Este entroido é moi característico, e os seus personaxes moi bonitos e orixinais. Gustounos moito que nos deran esta charla, para poder coñecer máis deste divertido e interesante entroido.

Ao rematar dixéronnos que tiñamos que valorar e coidar a nosa cultura tradicional porque forma parte da nosa historia.

Irene Jardón, Fabiola Viñas 2ºC