Certame de regueifas

O pasado 27 de abril celebrouse no Centro Veciñal e Cultural de Valadares o X Certame escolar de regueifa, organizado pola Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Esta actividade tiña como obxectivos principais fomentar o uso oral da lingua galega entre a mocidade e estimular a capacidade de improvisación en verso. No evento participaron máis de seiscentos alumnos de diferentes institutos da nosa cidade. O noso centro estivo representado por oito rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO: Carla Cruz, Lucía Covelo, Matías Domínguez, Area García, Carmen Piñeiro, Candela Teijeira, Íker Cameselle e Marco Dopazo. Foran escollidos pola especial habilidade que amosaron para facer ritmos e rimas nos dous obradoiros de regueifas que tivemos no instituto hai unhas semanas.

IMG-20180409-WA0022

Obradoiro de regueifas en 1º C de ESO

O certame foi presentado por Luís o Caruncho e Pinto de Herbón, que foran os encargados de darnos os obradoiros nas aulas. Cando chegou a hora da actuación e os participantes estaban moi nerviosos; temos que ter en conta que é moi difícil actuar e improvisar sobre un escenario A competición comezou cos regueifeiros que foron actuando en grupos de dez e recitando unha regueifa de presentación composta previamente na casa. Logo tiveron que improvisar outras dúas regueifas diferentes coas palabras ou verso que Luís e Pinto seleccionaran. Todas foron moi boas e os que estabamos no público animabamos un montón.

Despois destas primeiras actuacións os membros do xurado, que estaban sentados nas primeiras filas, tiveron quince minutos para decidir quen pasaría ás semifinais. Durante eses minutos tivemos tempo para saír do auditorio e tomar a merenda. E cando regresamos, sorpresa!!! Dous dos nosos compañeiros do Casares foran escollidos para as semifinais, estaban entre os mellores!!! Tratábase de Íker e Candela. Nesta segunda fase tiveron que facer o mesmo que na primeira, pero sen a regueifa de presentación, claro! Despois de que recitaran os seus versos, o xurado decidiu cales serían os catro concursantes que pasarían á final. Parecían ter a súa decisión clara e entre os elixidos non estaban os nosos compañeiros. Que mágoa!!! Polo menos déronlles uns agasallos a todos os semifinalistas.

Os/as nosos/as compañeiros/as no certame de regueifas

E xa por último chegou a final, na que participaron tres nenas e un neno. A verdade é que os membros do xurado fixeran unha boa elección. Dúas destas nenas cantaban moi ben e todos improvisaban xenial. Vaia nivel! Desta vez tiveron que improvisar moito máis, non só dúas regueifas, senón… catro!!! A tarefa dos xuíces non foi nada sinxela. O IES San Tomé de Freixeiro, que xa vencera nos últimos catro certames de regueifas, gañou a rosca porque foi o centro que máis representantes tivo na semifinal. O IES Marco de Camballón de Vila de Cruces foi o centro convidado este ano e déronlle tamén unha rosca. Que ricas!!!

Os participantes do noso instituto non gañaron ningún premio, pero viviron unha experiencia incríbel. Nós queremos enviarlles dende aquí os nosos parabéns.

Bo traballo! Moitas grazas por representar ao IES Carlos Casares neste concurso que xa vai pola súa décima edición!

Irene Jardón e Area García (1º C de ESO).